Pestanas principais

Comedia e milagres divinos este venres 21, coa representación en Bertamiráns de “Estrela do Día”

Luns, 17 de xaneiro de 2022

A programación de artes escénicas de Ames do primeiro semestre de 2022 continúa este venres 21 de xaneiro coa comedia “Estrela do Día”, da compañía Producións Teatrais Excéntricas. Será ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. A obra promete unha visión actualizada dos milagres de Santa María aplicados aos problemas dos nosos tempos. As entradas están xa dispoñibles na Billeteira electrónica do Concello de Ames.

“Estrela do Día” é unha experiencia para que o público recupere a fe no teatro, o único lugar onde os milagres aínda son posibles. Para conseguilo, revívense en escena parte dos máis de 400 milagres recollidos nos códices que se conservan das Cantigas de Santa María, obra do século XIII encomendada polo rei Afonso X. Neles, a virxe adquiría formas sorprendentes e actuaba de maneiras impensables para a imaxe que asociamos a esta figura relixiosa hoxe en día.

Deste xeito, e con personaxes sacados directamente das miniaturas medievais, coñeceremos historias doutros tempos que nos recordan á actualidade: os soldados que foxen da guerra, a moza obrigada a casar, os expulsados das súas casas amoreados, os presos por roubar comida, a que foxe da manda de brutos que a acosan ou a que procura a curación da enfermidade mortal. Cada protagonista verá resolvido o seu problema grazas á intervención divina de María, que buscará iluminar coa súa aura estes tempos de desánimo.

A obra, da compañía Producións Teatrais Excéntricas, é a segunda proposta do ano da programación de artes escénicas amesá, despois de que a semana pasada se abrise o itinerario con “Gloria Nacional”, tamén en Bertamiráns. Para o próximo venres 28 será xa a quenda da representación de “O mozo da última fila”, da compañía Redrum Teatro.

O programa completo de cultura de Ames do primeiro semestre de 2022, elaborado pola Concellaría de Cultura en conxunto coa Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC), pode consultarse ao completo premendo nesta ligazón.

Venda de entradas e descontos

As entradas poden adquirirse por 5 euros a través da billeteira electrónica do Concello de Ames, ou ben unha hora antes do comezo do espectáculo na Casa da Cultura de Bertamiráns, no caso de que aínda estean dispoñibles. Haberá prezo reducido do 50% do custo ordinario para o estudantado con carné de estudante, as persoas maiores de 60 anos, a rapazada menor de 12 anos, as familias numerosas, a mocidade co carné xove e as persoas demandantes de emprego. Ademais, as persoas que mercaran os bonos cultura poderán acceder directamente á butaca que reservaran coa compra do pase.

Novas relacionadas

AMSGO!: "Mañá represéntase en Bertamiráns a obra “Estrela do Día”"

Lindeiros: "Producións Teatrais Excéntricas presenta “Estrela do Día” en Ames"

Comedia e milagres divinos este venres 21, coa representación en Bertamiráns de “Estrela do Día” (c) Sabela Eiriz

Multimedia

  • Comedia e milagres divinos este venres 21, coa representación en Bertamiráns de “Estrela do Día”
  • Comedia e milagres divinos este venres 21, coa representación en Bertamiráns de “Estrela do Día” (c) Sabela Eiriz
  • Comedia e milagres divinos este venres 21, coa representación en Bertamiráns de “Estrela do Día” (c) Sabela Eiriz