[08-06-2011] O alcalde de Ames en funcións, Carlos Fernández, asistiu este martes pola mañá á estrea da máquina expendedora de leite fresco que se colocou na avenida da Peregrina, en Bertamiráns. Fernández estivo acompañado por persoal da Gandaría A Portela que é a empresa promotora desta iniciativa. Na rúa Agro do Medio, no Milladoiro, colocouse outra máquina destas mesmas características. Moitos veciños e veciñas achegáronse ata a avenida da Peregrina, para saborear a leite fresca que se pode mercar nesta máquina.
A Gandaría A Portela acaba de inaugurar dúas máquinas expendedoras de leite fresco no concello de Ames. Estas máquinas atópanse na avenida da Peregrina, en Bertamiráns, e na rúa Agro do Medio, no Milladoiro. O leite que se pode mercar nestas máquinas procede de vacas que se alimentan con forraxes naturais e de produción propia, a base de herba, millo, feo e liño. Inmediatamente despois da súa muxidura, o leite é pasteurizado, refrixerado e transportado ata as máquinas expendedoras empregando as mellores tecnoloxías dispoñibles.
Todo o proceso é controlado coidadosamente para ofrecer as máximas garantías de calidade e frescura, e para asegurar que o leite chegue ao seu fogar coas mellores condicións de sabor, aroma e características nutricionais.
Para estrear as máquinas, este martes pola mañá, o persoal da gandería A Portela, realizou unha mostra de como se pode adquirir a leite fresca neste tipo de máquinas. A esta estrea asistiu o alcalde de Ames en función, Carlos Fernández, así como moitos veciños e veciñas de Bertamiráns que puideron degustar este produto.
A máquina está preparada para a venda automática de leite pasteurizado. O modelo dispensador é totalmente automático e está preparado para estar no exterior. Dispón de carga frontal, con capacidade para dous depósitos de 150 litros cada un, con botelleiro integrado e botoeira antivandálica. Dispón de 3,17 metros de ancho, 1,37 m. de fondo e 2,63 metros de altura.
A máquina está equipada con varios sistemas de seguridade para tranquilidade do consumidor e do produtor, e cumpre con todas as normas de seguridade alimenticia, laboral, ambiental, de aparatos eléctricos e todos os demais requisitos oficiais.
Dende a Gandaría A Portela danos cinco razón polas que se debe de escoller leite fresco. A primeira é que conserva todas as propiedades nutricionais e o seu sabor é cremoso e intenso. A segunda atinxe a que é barato, de máxima calidade e frescura. A terceira refírese a que ao compralo e consumilo estás colaborando con produtores rurais locais, do teu ámbito máis próximo. A cuarta di que estás consumindo un leite con menos contaminación, xa que o leite non se transporta por centos de quilómetros, está preto de ti. E a quinta e última incide en que se consume un leite con menos residuos, xa que o leite non está embotellado (pódese recoller con botellas propias ou coas dispensadas, reutilizables e reciclables).
Agora xa só queda poder gozar deste produto. Bo proveito!
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "Bertamiráns y Milladoiro estrenan expendedores de leche fresca pasteurizada"