Pestanas principais

Código Cero e Ollar son as dúas empresas galardoadas co premio Lingua e Empresa 2020

Xoves, 03 de decembro de 2020

O xurado do III premio Lingua e Empresa decidiu por unanimidade outorgar o premio a Código Cero, revista e web de novas tecnolóxicas de Galicia, e Ollar, centro óptico e auditivo.

Trátase da terceira edición deste premio posto en marcha polas concellarías de Normalización Lingüística e de Promoción Económica. A través desta iniciativa preténdese recoñecer publicamente a contribución ao aumento e á mellora do uso social do galego dende o ámbito empresarial, así como promover o uso da lingua galega na actividade económica do Concello de Ames. Nesta edición o premio establecía dúas categorías, dotadas cada unha delas con 1500€ máis unha campaña de difusión na radio de Ames.

Na categoría A, de uso consolidade da lingua, na que participaban empresas que realizan un uso estable e continuado da lingua galega dende hai máis de dous anos, a empresa gañadora foi Código Cero, polo seu labor decidido e comprometido a prol da normalización lingüística no eido da comunicación, nomeadamente no ámbito tecnóloxico. O xurado destacou a aposta pola lingua galega como elemento de marca, o impacto da publicación e a relevancia da súa actividade.

Na categoría B, nova incorporación ou creación, participaron empresas que se crearon nos últimos dous anos ou que se incorporaron ao galego dentro dese mesmo período, a premiada foi Ollar, por incorporar a lingua á súa actividade de maneira regular, coherente e implicada, apostando claramente polo galego en todos os eidos, tanto internos como externos.

As entidades participantes deste 2020 pertencían a diferentes ámbitos: medios de comunicación, parques infantís, centros visuais e auditivos, clínicas dentais, estudos fotográficos, grupos musicais, despachos xurídicos, xestorías, empresas de deseño, artes gráficas etc.

O xurado, reunido o pasado 1 de decembro para decidir os galardoados, estivo formado por Antía Cidre Pereira, de Pestiscos Gastrobar, unha das empresas gañadoras da pasada edición, Miguel López Crespo, Secretario Xeral da Unión de Consumidores de Galicia e Antía Rei Martiz, graduada en Lingua e Literatura Galegas e colaboradora no Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames. En representación do Concello de Ames participaron na xuntanza do xurado o técnico de Promoción Económica, Jorge Couñago Castro, e a técnica de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras Cuñarro.

O uso do galego no tecido socioecomómico sempre suma

Os membros do xurado destacaron a responsabilidade social, o gran traballo e a alta calidade de todos as empresas candidatas ao Premio Lingua e Empresa, dado que todas elas están a desenvolver un gran labor a prol da normalización dos usos lingüísticos en galego no ámbito empresarial e, máis concretamente, no sector en que cada empresa se insire.

Ademais, todas elas son unha mostra de que o uso do galego no tecido socioeconómico sempre suma e nunca resta calidade á oferta empresarial. Por este motivo poden considerarse referentes e motores para que o ámbito socioeconómico de Ames se vaia sumando ao proceso de normalización lingüística e aproveite así as vantaxes que lles outorga ás empresas o uso da lingua galega (marca de proximidade coa clientela e de responsabilidade social, marca de diferenciación e de calidade da oferta e dos servizos...).

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Premios amesáns para Ollar e ‘Código Cero’ sobre normalización"

La Voz de Galicia: "Código Cero y el centro Ollar reciben el Premio Lingua e Empresa de Ames"

Código Cero e Ollar son as dúas empresas galardoadas co premio Lingua e Empresa 2020