[03-09-2012] A Xunta de Goberno local acaba de adxudicar o servizo de implantación da segunda fase da administración electrónica no Concello de Ames. Este servizo foi adxudicado á empresa Informática El Corte Inglés SA polo importe de 175.044,50 euros. Coa implantación da segunda fase da administración electrónica vaise a desenvolver un proceso de xestión documental a través do cal se van implantar arredor de 35 procedementos administrativos telemáticos que comprenden a dixitalización de 50.000 documentos e impresos. O obxectivo do goberno municipal é que o papel pase a un segundo plano e a veciñanza poida realizar as xestión municipais de forma telemática. Estes traballos desenvolveranse dende setembro ata finais de ano.
O Concello de Ames atópase inmerso na actualidade nun proceso de modernización e mellora dos seus sistemas e aplicacións informáticas, cuxo obxecto é modernizar e mellorar a xestión municipal, aplicando as novas tecnoloxías da información e comunicación. O proxecto pretende ademais prestar uns servizos públicos de maior calidade ao cidadán, a empresas e colectivos especiais.
Nestes momento o Concello de Ames está inmerso na segunda fase da implantación da administración electrónica. Esta fase comprende o proceso de xestión documental a través do cal se van implantar arredor de 35 procedementos administrativos telemáticos que comprenden a dixitalización de 50.000 documentos e impresos.
Segundo explica o concelleiro de Reforma Administrativa, Ramón García Argibay, “o primeiro obxectivo é organizar e dixitalizar os procesos administrativos a nivel interno. Este é fundamental para que despois a veciñanza se poida beneficiar da implantación da administración electrónica e poida consultar expedientes de forma telemática ou realizar outro tipo de consultas. A través deste proceso o papel vai quedar nun segundo plano. A dixitalización de 50.000 documentos e impresos facilitaralle á veciñanza o acceso aos impresos e documentación municipal, que é preciso cubrir para poder solicitar calquera cuestión de ámbito municipal ou participar en actividades e servizos que ofrece o Concello de Ames”.
Implantación de 35 procedementos
Na segunda fase da implantación da administración electrónica vanse a implantar de forma progresiva arredor de 35 procedementos de ámbito municipal. Algúns dos departamentos que se verán beneficiados deste proceso son o Rexistro municipal, o departamento de urbanismo, servizos sociais, e os servizos económicos, que engloban os departamentos de intervención e contratación.
Nesta segunda fase vanse informatizar diversos procedementos administrativos en diferentes departamentos municipais para que despois se poidan acceder a estes servizos dende o exterior. É dicir unha vez se dixitalice a documentación municipal a nivel interno isto facilitará o acceso a estes servizos por parte da cidadanía.
Os veciños e veciñas poderán acceder de forma telemática á documentación municipal a través da plataforma SIGEM, un proxecto de modernización e actualización das administracións locais que emprega a Deputación da Coruña. Mediante a plataforma SIGEM poderase acceder aos procedementos telemáticos que ofreza o Concello de Ames, así como aqueles que xa ten dispoñibles a Deputación da Coruña. Trátase dun sistema que reúne en formato electrónico toda a documentación dun expediente, integrando os tradicionais subsistemas de rexistro, xestión de expedientes e arquivo. Ademais, a utilización de todos os procedementos que ten implantación a Deputación da Coruña permitiralle ao Concello de Ames un importante aforro de custos.
O concelleiro de Reforma Administrativa destaca que a implantación da segunda fase da administración electrónica implica un esforzo adicional dos traballadores para a implantación e desenvolvemento do proceso de informatización e dixitalización da documentación municipal. Ramón García Argibay conta “coa colaboración de todos os traballadores dos departamentos implicados na segunda fase da implantación da administración electrónica para poder levar a cabo este proceso de forma satisfactoria”.
A través desta iniciativa dáse un paso máis na implantación da administración electrónica, un proceso que xa se aplicou en varios departamentos municipais, como é o caso do departamento de Educación, e cun resultado moi positivo. Por primeira vez, o Concello de Ames puxo en marcha este ano, un sistema on line para que os usuarios/as dos servizos complementarios puidesen preinscribirse e renovar praza na rede de comedores escolares e nos programas Bos días cole e Tardes divertidas de forma telemática. Arredor do 60% de usuarios que realizaron a preinscrición e renovación de praza fixérono de xeito telemático.
Así pois, o concello de Ames comeza o proceso de instauración definitiva da administración electrónica co que os veciños e veciñas terán maiores facilidades á hora de solicitar certificados de empadroamento ou licenzas de apertura, apuntarse aos comedores escolares ou a calquera programa de conciliación da vida laboral coa familiar, reservar instalacións e equipamentos municipais para actividades e outras moi diversas xestións que mediante este novo sistema poderán realizarse dunha forma máis sinxela, máis rápida e eficiente, sen que se perdan os datos polo camiño ou non quede constancia dos procedementos realizados.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "Adxudicada a segunda fase da administración electrónica no Concello de Ames"
La Voz de Galicia: "Ames facilitará 35 gestiones municipales por vía digital"
El Correo Gallego: "La red prejubilará al papel en los trámites administrativos de Ames"




