Pestanas principais

Co gallo do 25N, a concellaría de Igualdade e Promoción da Saúde organiza unha andaina polo monte Viso

Mércores, 17 de novembro de 2021

Encadrada na programación do "Día Mundial da eliminación da violencia contra as mulleres", e co lema “Ames marcha contra o machismo”, a Concellaría de  Igualdade e Promoción da Saúde organiza unha andaina pola Ruta Mitolóxica do Monte Viso. As persoas que desexen participar poden inscribirse no enderezo electrónico promociondasaude@concellodeames.gal até o xoves, 18 de novembro, ás 14:00 horas. Haberá servizo de autobuses, que sairán ás 10:00 horas da Casa do Concello de Bertamiráns e ás 10:15 horas da Casa da Cultura do Milladoiro.

O roteiro consta aproximadamente de 7 quilómetros e abrangue ademais da “Ruta Mitolóxica de Monte Viso”, a 1ª etapa do “Xiro dos Montes de Compostela”, dado que parte do percorrido é común. Unha vez no alto do Monte Viso, os/as participantes baixarán pola ladeira de Aríns e chegarán a aldea de Lobio, lugar de alto valor etnográfico. Despois, iniciaran de novo o ascenso por un camiño onde abondan as especies arbóreas e a vexetación é tan sorprende que “convida a un baño de bosque”, segundo manifesta a concelleira Luísa Feijóo. A andaina remata no Monte do Gozo diante do  monumento ao Peregrino.

Ruta mitolóxica
A Ruta do Monte Viso reúne unha mostra de dez seres míticos e lendarios de Galicia, que foron deseñados e reproducidos a tamaño real por José Manuel Méndez, artista cuxa empresa de creación está radicada no concello de Ames. Considerada unha das rutas máis atractivas de Galicia para facer en familia, o traxecto ofrece unha completa visión da mitoloxía galaica e as súas lendas das que o camiñante pode obter datos a través dos paneis explicativos que acompañan cada figura e cada escena.

O Dragón, a Lamia, a Meiga, a Moura, o Rei Breogán, o Neboeiro Xigante, o Gatipedro, o Tardo, os Biosbardos e os mouros do Pobo Inframundo son os personaxes que poboan o camiño até chegar ao cume do Monte Viso onde se pode contemplar unha das vistas panorámicas máis bonitas da cidade de Santiago de Compostela.

Segundo a concelleira de Igualdade e Promoción da Saúde, Luísa Feijóo, a elección da ruta non é casual: “Queremos simbolizar a superación , o emponderamento, a loita. É unha alegoría de vencer ao dragón que representa o machismo”.
 
As persoas interesadas en realizar esta ruta, poden apuntarse até o día 18 de novembro no enderezo electrónico promociondasaude@concellodeames.gal. Haberá servizo de autobuses, que sairán ás 10:00 horas da Casa do Concello de Bertamiráns e ás 10:15 horas da Casa da Cultura do Milladoiro.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Inscripciones para una ruta en Viso contra el machismo"

Ruta polo Monte Viso

Multimedia

  • Ruta polo Monte Viso
  • Ruta polo Monte Viso
  • Ruta polo Monte Viso
  • Ruta polo Monte Viso
  • Ruta polo Monte Viso
  • Ruta polo Monte Viso