Pestanas principais

Clausurase o seminario de viticultura no que participaron un total de 25 alumnos/as

Martes, 16 de xuño de 2015

[16-06-2015] Este luns, 15 de xuño, realizouse o acto de clausura do seminario de viticultura, que se desenvolveu dende o pasado mes de outubro na aula de usos múltiples da Casa da Cultura do Milladoiro. A concelleira de benestar social e dereitos para a cidadanía, Luísa Feijoo, e a concelleira de transparencia e participación cidadá, Isabel González, foron as encargadas de entregar os diplomas. Nesta actividade participaron un total de 25 alumnos/as que aprenderon máis polo miúdo as técnicas do cultivo e explotación das vides. Esta actividade foi impartida polo profesor voluntario Emilio de Vicente Nogueira, coa colaboración de Teodoro García Rivero.


O Concello de Ames, a través da Oficina de Voluntariado de Ames, leva doce anos impartindo o seminario de viticultura. Este luns, 15 de xuño, celebrouse o acto de clausura da décimo segunda edición deste seminario. O temario do seminario de viticultura abrangue todos os aspectos referidos ao cultivo e á saúde do viñedo. As castes propias de Galicia, os marcos de plantación máis axeitados para alcanzar unha boa produción e maduración, as distintas maneiras de guiar os bacelos ou as técnicas de poda que se deben aplicar, son só algúns dos temas que se abordaron dende o pasado mes de outubro.

As clases son moi dinámicas xa que se proxectan vídeos para ilustrar as explicacións teóricas e o último luns de cada mes realízase unha cata de viño. Este seminario impartiuse todos os luns entre as 19:30 e as 21:30 horas na aula de usos múltiples da Casa da Cultura do Milladoiro. Ademais da parte teórica, este seminario conta cunha parte práctica na que o alumnado realiza unha visita a varias adegas galegas. Este ano os participantes puideron visitar a zona de denominación de orixe do Ribeiro, na provincia de Ourense.

As concelleiras Luísa Feijoo e Isabel González agradecéronlle aos profesores voluntarios o seu traballo desinteresado e “animaron aos alumnos/as a continuar coa actividade o vindeiro ano”. Dende o goberno destacaron que “durante a primeira semana do próximo mes de outubro volverá a poñerse en marcha este seminario que esperta o interese de moitos veciños e veciñas de Ames”. Por último, puxéronse ao servizo do alumnado para recibir suxestións.

A concelleira Isabel González tamén tivo palabras de agradecemento para Manuel Oitavén Garrido, que foi o profesor voluntario creador deste seminario no ano 2003 e que por problemas de saúde tivo que ceder a impartición deste seminario a dous dos seus alumnos máis avantaxados; Emilio de Vicente Nogueira e Teodoro García Rivero.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Clausura del seminario de viticultura de Ames, que tuvo 25 alumnos"