[17-12-2015] Este xoves pola mañá rematou o Obradoiro de lingua e cultura galega, En galego, co teu acento. Nesta actividade participaron 20 persoas de sete nacionalidades diferentes (España, Marrocos, Cuba, Holanda, Arxentina, Venezuela, Colombia e Brasil). A concelleira de Normalización Lingüística, Isabel Vaquero, foi a encargada de entregarlles os diplomas a todas aquelas persoas que completaron o 90% das horas impartidas. As clases deste obradoiro impartíronse na Casa da Cultura do Milladoiro entre o 11 de novembro e o 17 de decembro (de luns a venres), en horario de 9:00 a 10:30 horas.
A lingua é un dos elementos básicos para a correcta integración na vida cotiá dunha sociedade e para desenvolverse con normalidade no día a día. Por esta razón, o Concello de Ames, a través da concellaría de Normalización Lingüística, organizou o obradoiro de lingua e cultura galega, En galego, co teu acento.
Este obradoiro estivo dirixido fundamentalmente á poboación procedente de fóra de Galicia. A través desta actividade pretendeuse que os participantes adquirisen nocións básicas de lingua e cultura galega, para fomentar a súa integración na sociedade amesá e que, ao mesmo tempo, lles sirvan de formación previa para a obtención dos certificados oficiais de lingua galega (CELGAS).
Neste curso inscribíronse un total de 20 persoas de oito nacionalidades diferentes (España, Marrocos, Cuba, Holanda, Arxentina, Venezuela, Colombia e Brasil) e todas elas insisten en que non cambiemos de idioma cando escoitamos acentos diferentes. A mellor maneira de continuar facendo súa a lingua deste país e interactuando en galego co resto da veciñanza e, para lograr isto, é imprescindible rexeitar esa falsa cortesía de cambiar de lingua cando escoitamos acentos diferentes do noso.
O obradoiro tivo unha duración total de 30 horas repartidas en 20 sesións de 90 minutos. As sesións impartíronse na Casa da Cultura do Milladoiro dende o 11 de novembro ata o 17 de decembro (de luns a venres), en horario de 9:00 a 10:30 horas. A concelleira de Normalización Lingüística, Isabel Vaquero, foi a encargada de entregarlles os diplomas a todas aquelas persoas que completaron o 90% das horas impartidas.
Última sesión do obradoiro
Na última sesión do obradoiro cada un dos e das participantes compartiu cos demais un texto ou unha canción representativa do seu país de procedencia, adaptado ao galego. Así, puidemos escoitar en galego, con acentos ben diferentes, unha canción de Nadal holandesa, varios poemas a José Luis Borges, de Andrés Bello, de Andrés Eloy Blanco, de Jorge Isaac, un fragmento dunha das novelas Clarice Lispector, unha canción de Vinicius de Moraes....
Ademais, unha das participantes, Johanna Carvajal, venezolana de procedencia e amesá desde hai, apenas, tres meses, creou para a ocasión un pequeno poema resumindo o seu paso polo obradoiro e parte da súa traxectoria vital que conflúe, en moitos puntos, coa do resto dos seus compañeiros e compañeiras.
Deseño a miña nova vida,
levando os meus días,
de luns a luns,
a tempo para organizar unha nova historia,
chuvia de ideas,
nova construción
lista para emprender
tempestades de ilusións.
No acto de entrega dos diplomas, os e as participantes neste obradoiro pedíronlle á concelleira de Normalización Lingüística que “se continúen impartindo este tipo de cursos porque son necesarios para integrar as persoas que proceden de fóra de Galicia”. Isabel Vaquero agradeceu o interese mostrado polos participantes sobre a nosa lingua e cultura, así como recolleu a petición e anunciou que “dende o goberno municipal se está traballando para organizar novos cursos de galego de cara ao vindeiro ano, e se é posible, incrementar o número de prazas ofertadas”.
Por último, Isabel Vaquero animou á veciñanza amesá a empregar a lingua galega coas persoas que participaron neste curso para que poidan seguir practicando fóra das aulas.