Pestanas principais

Clausurase o Obradoiro de Lingua e Cultura de Bertamiráns cunha festa de exaltación da diversidade

Mércores, 02 de novembro de 2016

[02-11-2016] Freixuelos de León, arepas, cachapa, papas recheas, e a torta de ananás que polo Nadal se toma en Venezuela. O obradoiro, En Galego co teu acento, que durante o mes de outono reuniu en Bertamiráns a nativos de Venezuela, Colombia, México, León, Cataluña, León, Euskadi e as illas Canarias co obxectivo de darlles a coñecer a nosa lingua e a nosa cultura, clausurouse esta mañá cunha festa de exaltación da diversidade na que non faltaron as delicias gastronómicas propias dos países de procedencia do alumnado. Ademais, esta última xornada serviu para poñer en práctica o aprendido contando e cantando as excelencias dos lugares de orixe. A concelleira de Servizos Sociais, Luisa Feijoo, entregou os diplomas e ate houbo quen botou algunha bágoa vendo a reportaxe que sobre o curso fixeron os alumnos Thais Hernández e Javier Salas. O vindeiro luns, día 7, comezará un obradoiro semellante no Milladoiro.

Na cidade venezolana de Mérida áchase o teleférico máis longo e máis alto do mundo, segundo conta con orgullo a meridana Aleidis, pouco despois de que Belén, que chegou de México hai uns meses, fale de Tunes, unha árbore do seu país que ten sona de ser a árbore máis grande do planeta. Conta Víctor a lenda da culebre de Getino e a aguerrida xesta do pastor que logrou matala e liberar de tan grande ameaza os seus veciños e veciñas. Cóntanse contos e lendas, cántanse cancións e fálase, con moita máis soltura que cando comezou o curso, das cousas de aquí e das cousas de aló. Cada quen coa súa música. Cada quen co seu acento. “Aproveitamos a sesión de hoxe para coñecer máis do lugar do orixe de cada un dos e das participantes, para escoitar cancións e contos, para probar os distintos sabores das súas gastronomías. É esta especie de festa da diversidade sérvenos tamén para comprobar a riqueza que supón vivir nun lugar onde o idioma soa tan ben con acentos tan diferentes”, comenta Rosa Moreiras, técnica de normalización lingüística do Concello, encargada de impartir o obradoiro.

Un día tamén de despedidas, doado para entender que a nostalxia é patrimonio universal e que en todos os pobos hai un xeito de cantarlle á morriña. Na festa desta mañá coñeceuse na voz de Iván, un dos alumnos do curso, a canción que escoitan os emigrantes canarios que andan polo mundo e que compuxo Chavo Meliá, antigo membro de Los Sabandeños. “É moi emocionante poder vivir momentos tan especiais como os de hoxe porque escoitalos falar da súa cultura no noso idioma non ten prezo. Creo que estes obradoiros teñen ademais o valor engadido de que lles serven tamén para coñecerse e asentar relacións entre eles, de aí que hoxe tamén sexa un día moi intenso, como o son todos os días de despedida”, manifesta a concelleira, Luisa Feijoo, despois de entregar os diplomas acreditativos aos asistentes ao cursos. O obradoiro de Lingua e Cultura, En galego co teu acento, comezou a desenvolverse no Pazo da Peregrina o luns, 5 de outubro coa participación de vinte alumnos e alumnas. Durante hora e media cada día conversaron, leron, compartiron información e coñeceron un pouco máis da lingua e a cultura de Galicia, poñendo especial fincapé nas cuestións referidas ao concello no que viven. As aulas transcorreron baixo a guía da técnica municipal de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras.

O curso, primordialmente práctico achegoulles ferramentas e recursos para pouco a pouco para comezar a desenvolverse con normalidade en lingua galega. Na Casa da Cultura do Milladoiro as clases empezarán no vindeiro mes de novembro.

Os obradoiros “En galego, co teu acento” de achegamento á lingua e á cultura galegas desenvólvense en Ames desde hai xa 12 anos e, ademais de serviren de toma de contacto co país ao que se chega, funcionan como un espazo de socialización, acollemento e convivencia. Pretenden asemade poñer en valor a diversidade e a multiculturalidade que agocha este concello.