Pestanas principais

Clausúrase no Milladoiro o curso de castelán para estranxeiros e o de informática da Escola de Maiores

Sábado, 29 de xuño de 2013

[29-06-2013] Este venres clausuráronse os cursos de castelán para estranxeiros e o de informática da Escola de Maiores organizados polo Concello de Ames. As dúas clausuras tiveron lugar na Casa da Cultura do Milladoiro e reuniron a preto de 30 alumnos e alumnas. Os diplomas foron entregados polo concelleiro de Educación, Bernardo Moar.


Entre os meses de xaneiro e xuño, o Concello de Ames, a través da Oficina do Voluntariado de Ames (OVA), levou a cabo unha nova edición do curso de castelán dirixido a estranxeiros residentes no municipio. O curso foi impartido por dúas profesoras voluntarias e contou con dous grupos diferentes: iniciación e avanzado, que contaron con nove alumnos cada un. Este obradoiro organizouse co obxectivo de dar resposta ás necesidades específicas das persoas que veñen vivir ou traballar ao concello dende outros países estranxeiros. 

Xa pola tarde, na Aula de Informática do Milladoiro entregáronse os diplomas correspondentes ao curso de iniciación á informática no que participaron un grupo de 11 persoas pertencentes á Escola de Maiores. A actividade, que comezou no mes de febreiro, desenvolveuse todos os venres entre as 17:00 h. e as 18:00 horas. Neste curso, o alumnado lembrou ou aprendeu nocións sobre a rede, principalmente sobre o uso do correo electrónico. Ademais, traballaron co procesador de textos LibreOffice, realizaron presentacións co programa Impress, e aprenderon a empregar as redes sociais e a calcular rutas para poder facer unha viaxe.