Pestanas principais

Clausurase a Exposición do XI Certame de Artesanía Antonio Fraguas con gran acollida

Martes, 02 de outubro de 2018

[02-10-2018] Este luns celebrouse a clausura da Exposición do XI Certame de artesanía Antonio Fraguas que, do 14 de setembro ao 1 de outubro, puido visitarse na sala de exposicións do Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. Durante o acto, a artesá do encaixe Ana Rosa Lista, veciña de Ortoño, agasallou ao pobo amesá co escudo do concello de Ames feito en encaixe, que será colocado no Salón de Plenos da Casa do Concello. A exposición destacou pola gran variedade de disciplinas e modalidades, así como pola mestura de pezas máis arraigadas con novas creacións, incluso pezas a partir de refugallos.


A mostra do XI Certame de Artesanía Antonio Fraguas
Na mostra puideron verse as obras seleccionadas no certame de artesanía organizado pola Deputación da Coruña. O galardón, que constou de dúas modalidades (artesanía tradicional e contemporánea) tivo como fin pór en valor e axudar a difundir a artesanía de Galicia sendo un referente para todos/as os/as artesáns e artesás galegos/as. Unha das participantes neste certame foi a propia Ana Rosa Lista, artesá de encaixe e veciña das Punxeiras Altas, Ortoño.

Nesta edición número once, recibíronse un total de 137 pezas, que destacaron pola gran variedade das disciplinas e modalidades elixidas. Esta gran afluencia de participantes e a diversidade das súas pezas puxeron de manifesto que segue a existir unha gran vitalidade, capacidade creativa e rigor profesional na artesanía da nosa provincia. Mestres da cestaría, a escultura, a cerámica, a xoiaría ou a costura, entre moitos outros oficios, converten cada ano o Certame de Artesanía Antonio Fraguas nunha referencia para todos/as os/as artesáns e artesás galegos/as.

Entre as producións presentadas, mestúraronse traballos típicos e arraigados nos concellos coruñeses con novas creacións e innovacións, nas que se atoparon incluso pezas feitas a partir de materiais de refugallo, o que amosa que a artesanía segue a evolucionar e ten unha presenza importante no desenvolvemento da arte contemporánea. Deste xeito, puideronse apreciar traballos de xoiaría, cerámica, cestaría, escultura ou costura. Os gañadores desta edición foron: Pablo Carpintero, coa súa “Reprodución funcional da gaita de fol da Cantiga 350 das Cantigas de Sta. María” (categoría Artesanía Tradicional) e Lidia Nieves Domínguez pola obra “Xoguete” (categoría Artesanía Contemporánea).


Despois de dezasete días de exposición, este luns pola tarde clausurouse, na sala de exposicións do Pazo da Peregrina, a mostra das obras seleccionadas no XI Certame de Artesanía Antonio Fraguas. Ó acto de clausura, ademais de veciños e veciñas de Ames, tamén asistiron o alcalde, José Miñones, a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Isabel González, e maila artesá de Ames, Ana Rosa Lista.

Durante o acto, a artesá, que estivo traballando na creación de novas obras no Pazo da Peregrina durante o tempo que durou a exposición, fíxolle entrega ao alcalde do escudo do concello de Ames feito en encaixe. A peza, que foi un agasallo para o pobo amesá, será colocada no Salón de Plenos da Casa do Concello, onde poderá verse exposta.

Asemade, Ana Rosa quixo destacar a sorpresa que lle despertou a reacción de moitos dos nenos e nenas que acudiron á exposición, que mostraron unha gran curiosidade e moita maña no palillado. Tanto foi así, que moitos dos cativos e cativas acercáronse varios días para mostrarlles a amigos e familiares a súa destreza palillando. Por iso, a amesá trasladou a idea de organizar algún obradoiro destinado aos nenos/as sobre o palillado.

Dende a concellaría de Promoción Económica e Turismo, pola súa parte, fíxose unha valoración positiva da mostra, destacando a gran acollida e o importante número de visitas recibidas durante os días que estivo aberta, en especial os fins de semana. Ademais, non só foi visitada por veciños e veciñas de Ames, senón que tamén por habitantes de municipios limítrofes e por varios grupos de outras comunidades autónomas que estaban a pasar uns días pola zona.

A raíz desta mostra, que durante a mañá do luns abriu especialmente para o colectivo Arcea-Adames, a concelleira Isabel González adiantou que se está a traballar en futuras colaboracións e novos proxectos coa artesá local Ana Rosa Lista. Tamén aproveitou para agradecer o traballo que está desenvolvendo Ana Rosa en prol da artesanía do encaixe, así como por expandir o nome de Ames polos distintos países onde a artesá mostra os seus traballos.



Contido relacionado


Compostela 24 horas: "Clausúrase a Exposición do XI Certame de Artesanía Antonio Fraguas"
Amsgo: "Clausurase a Exposición do XI Certame de Artesanía Antonio Fraguas con gran acollida"