[06-04-2011] Este luns remataron os obradoiros de lingua e cultura que organizan o Servizo de Normalización Lingüística en colaboración co Servizo de Atención ao Migrante. Nesta edición, participaron arredor de 70 persoas de 28 nacionalidades diferentes co obxectivo de achegárense á nosa lingua e a nosa cultura dun xeito práctico e ameno. O acto de clausura estivo presidido polo alcalde de Ames, Carlos Fernández, o concelleiro de Cultura, Francisco Villaverde, e a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Isabel González. Ao final do acto houbo degustación de produtos típicos dos países de orixe dos participantes e moita festa, unha clara mostra do bo ambiente vivido nestes obradoiros.
Alxeria, Italia, Francia, Arxentina, Alemaña, Venezuela, Nixeria, Cuba, Cataluña, Euskadi, Ucraína, Bielorrusia, Chile, Colombia, Brasil, Portugal, Suíza,....Por se a alguén lle que quedaban dúbidas da mestura de culturas que se agochan no Concello de Ames, estes son algúns dos países de procedencia dos 70 amesáns e amesás que participaron nos obradoiros de lingua e cultura, Falo eu Falas ti, Falamos todos que se desenvolveu durante o último mes nas localidades de Bertamiráns e do Milladoiro, e que estivo organizado polo Servizo de Normalización Lingüística e polo Servizo de Atención ao Migrante de Ames.
Este curso, que lles permitiu ás persoas asistentes coñecer as nocións básicas da escrita e a fala galega, a historia, a xeografía e os costumes propios tanto de Galicia como concretamente do Concello de Ames, chegou a súa fin co acto de clausura celebrado onte no Pazo da Peregrina.
O evento comezou coa entrega de diplomas, de mans do alcalde de Ames, Carlos Fernández, o concelleiro de Cultura, Francisco Villaverde e a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Isabel González. Para recibir o correspondente diploma era preciso asistir ao 90 % das horas do curso. Este acto de clausura estivo protagonizado polas diversas culturas representadas no obradoiro.
No acto de clausura os participantes dos obradoiros quixeron tamén amosar aos alí presentes as tradicións culturais propias de cada país. Fátima, unha rapaza de Portugal, explicou a receita dunha comida típica, semellante aos chourizos galegos, pero que levaba alcol na súa preparación. Unha rapaza venezolana trouxo pan de xamón, unha sobremesa típica da época de Nadal de Venezuela, feito con fariña, azucre, ovos e xamón.
Fabio Giuseppe Botani explicou "veño da parte sur de Suíza, da cidade de Luano, un bo lugar, con moita auga, verde, sol... como Galicia. Levo dez anos vivindo en Ames, pero é a primeira vez que puiden asistir a estes obradoiros. Sempre quixen apuntarme pero polo traballo non podía. Agora que estou no paro aquí estou. Aprendín a soltarme un pouco máis, porque son un pouco introvertido e pouco falador pero aquí relacioneime máis con todos e paseino xenial".
Ademais, dúas participantes colombianas trouxeron unha cartolina co escudo do seu país e explicaron todos os seus símbolos. A participante máis nova dos obradoiros, tamén de orixe venezolana, explicou un instrumento chamado ‘pao da auga’, que utilizaban os indíxenas para atraer a auga da choiva. Por último, Eduardo Rodríguez e Misael, venezolanos tamén, animaron a festa cantando cancións como El amor de Tito el Bambino ou La bilirrubina de Juan Luis Guerra.
E para rematar o acto de clausura con bo sabor de boca, todas as nacionalidades presentes realizaron unha mostra da gastronomía típica de cada país. Os asistentes puideron gozar do viño Tannat, típico de Uruguai, pan de xamón ou as arepitas de Venezuela, o cake au Roquefort propio de Francia, o caviar vermello de salmón de Bielorrusia, a ensalada de patacas de Alemaña ou torta de pan de Suíza, entre outros manxares.
Mentres Natalia dixo que "veño de Ucraína. Coñecín moita xente, coñecín a cultura galega, a historia galega… Quería aprender a lingua galega para saber falala mellor e agora xa estou apuntada no curso Celga 1 porque me encanta. Paréceme ben que as persoas que viven en Galicia, todas deberían falar galego porque as nosas linguas son moi distintas e hai que aproveitalas e a lingua galega paréceme moi bonita".
Desenvolvemento dos obradoiros
Os obradoiros comezaron o 2 de marzo e desenvolvéronse os luns, mércores e xoves ata o 4 de abril. Neles os e as participantes adquiriron nocións básicas para desenvolvérense en lingua galega e achegaranse dun xeito totalmente práctico á nosa cultura. Houbo sesións dedicadas ao cine, á literatura, á música, á historia... mesmo se reservou unha sesión para asistir á función de teatro Sempre quixen bailar un tango de Teatro Galileo. Non hai mellor maneira de integrarse nunha cultura que coñecéndoa e achegándose a ela respectando sempre a propia, esta é a filosofía da actividade.
O obradoiro tivo unha duración de 32 horas, repartidas en 16 sesións de 2 horas cada unha. Estas sesión impartíronse ao longo dun mes, dende o 2 de marzo ata o 4 de abril. As clases leváronse a cabo os luns, mércores e xoves, en horario de 20:00 h. ás 22:00 horas, no IES de Ames, situado en Bertamiráns, e no local social do Club de Xubilados e Pensionista do Milladoiro, situado na rúa Figueiras.
Todo o alumnado do curso coincidiu no curta que se lles fixo esta actividade, así como no beneficio que para eles supón este obradoiro, xa que, ademais da importancia que ten para eles coñecer o galego, e a nosa cultura, ao ser o lugar onde están e van a vivir, a asistencia a este curso failles posible relacionarse con máis persoas. Destacan tamén o bo ambiente e compañeirismo que se podía sentir no obradoiro. Por todo isto, demandan a organización de máis actividades deste tipo que contribúan á integración na nosa sociedade dos novos e novas amesás.




