Pestanas principais

Clausúranse as actividades da Oficina de Voluntariado de Ames

Luns, 03 de xullo de 2017

[03-07-2017] A festa de fin de curso das actividades de voluntariado de Ames foi un acontecemento especial por integrar varios dos servizos de voluntariado do Concello. Ao longo da tarde houbo actuacións e unha entrega de diplomas, para recoñecer o traballo feito por todas e todos durante estes meses de actividades. A este acto asistiron a concelleira de Voluntariado, Isabel González, e o técnico que coordina a OVA, Rubén Ramos.

A festa de fin de curso das actividades de voluntariado tornouse un festival cheo de enerxía, xa que alí estiveron moitas das persoas que participan dos servizos do voluntariado amesán como, por exemplo, o de apoio escolar ou o das Escolas Integrais de Maiores. A festa celebrouse a pasada semana na Casa da Cultura de Bertamiráns.

As e os integrantes das Escolas de Maiores interpretaron teatro, poesía e canto para festexar o remate do curso. Ao longo da tarde, tamén houbo unha entrega de diplomas ás e aos participantes das Escolas Integrais de Maiores, ás voluntarias do roupeiro municipal e ás voluntarias e voluntarios do proxecto de apoio escolar para nenas e nenos en risco de exclusión social.

Asemade, no festival tamén participaron persoas que forman parte doutros obradoiros como o de patronaxe, corte e confección, o de inicio á costura ou o de “Achégate ao Inglés”. Tamén asistiu ao festival a concelleira de Voluntariado, Isabel González Cancela, así como o coordinador da Oficina de Voluntariado de Ames, Rubén Ramos.

Excursión de fin de curso das Escolas Integrais de Maiores
Corenta e dúas das e dos participantes da Escola de Maiores participaron da excursión de fin de curso a Cambados, Pontevedra e outras localidades da zona. A visita que se realizou ao longo dun día, tamén serviu para que as usuarias e usuarios deste servizo se coñecesen un pouco máis e compartisen experiencias.

Servizo de Voluntariado do Concello de Ames
Neste curso, 2016-2017, a rede de voluntariado do concello acolleu 73 voluntarias e voluntarios. Estas persoas foron as encargadas de desenvolver os diferentes servizos que a área de voluntariado ofrece no concello: o roupeiro municipal, o seminario de Amigos da Viticultura, as Escolas Integrais de Maiores, o reforzo escolar a nenas e nenos en risco de exclusión social, as aulas de apoio de español para estranxeiras e estranxeiros, o acompañamento de persoas maiores ou con diversidade funcional, os cursos de inglés, o curso de patronaxe, corte e confección, o de costura para principiantes, o curso de relaxación a través das cores e o programa de entrega de alimentos.