[01-07-2011] O Concello de Ames, a través da Oficina de Voluntariado, dependente da Concellaría de Deportes, Tempo Libre e Voluntariado, vén de clausurar o programa Sanauga, que está dirixido ás persoas maiores e/ou con algún tipo de discapacidade física. Este programa desenvólvese na piscina municipal da Telleira, situada en Bertamiráns, durante todo o ano, agás nos meses de xullo, agosto e setembro. Un total de 45 persoas, repartidas en tres grupos de 15 persoas, participaron neste programa co fin de mellorar a súa mobilidade e o benestar físico a un ritmo axeitado. Esta iniciativa ten como obxectivo mitigar as dores de diversas doenzas musculares e óseas.
O programa estivo dirixido a un grupo de persoas que conta cunhas necesidades de coidado e mantemento moi específicas como son as persoas maiores ou as persoas con algún tipo de discapacidade física. Sanauga encamíñase sobre todo a atender as necesidades da terceira idade, indo máis alá do simple exercicio na auga. Trata de favorecer o benestar físico dos e das participantes, minorando as dores de doenzas nos ósos ou na musculatura por medio de actividades que non requiran un grande esforzo e tendentes á relaxación corporal.
Un total de 45 persoas, repartidas en tres grupos de 15 persoas, participaron nas actividades do programa de Sanagua. Estas actividades desenvolvéronse todos os luns e mércores, dende o mes de novembro ata o mes de xuño. A primeira quenda tivo lugar ás 9:15 horas, a segunda ás 10:45 h. e a última ás 11:30 horas. En cada unha delas participaron quince persoas baixo a supervisión de dous monitores. A segunda quenda estivo especialmente pensada, pola dispoñibilidade de liñas de transporte público, para as e os participantes que se desprazaron desde O Milladoiro. A receptividade ante a posta en marcha desta iniciativa foi moi boa.
Sanauga vai máis alá da natación e destina as súas actividades á relaxación e á mellora física das persoas participantes. Tendo en conta o grupo ao que está dirixido, non se trata de realizar actividades que supoñan un grande desgaste físico e un alto rendemento, senón de contribuír ao benestar dos e das asistentes. A maioría dos participantes son xubilados e persoas que contan con algunha discapacidade ou enfermidade. Os exercicios na auga son fundamentais para minorar a artrose ou outras doenzas de ósos e de musculatura.
No programa Sanauga realízase basicamente ximnasia acuática, unha actividade que consiste en realizar exercicios na auga que comunmente se fan en terra, aproveitando a modificación e os beneficios que a auga proporciona para a súa realización; é dicir, traspásase á auga exercicios de brazos, pernas, tronco, articulacións e musculatura, ademais dos exercicios habituais utilizados na natación e demais actividades acuáticas.
O que se pretende con este tipo de actividade é unha aproximación ao medio acuático desde a motricidade cotiá das persoas e sen o requirimento de saber nadar. Realízanse na auga movementos habituais cos que a persoa maior está familiarizada, como pode ser andar, mobilidade de segmentos corporais, empurrar materiais...





