Pestanas principais

Citas con ratiños e elefantes nas sesións de contacontos de xuño

Martes, 31 de maio de 2016

[31-05-2016] Os animais volven ser os protagonistas das sesións de animación á lectura das bibliotecas municipais de Ames do mes de xuño. O mércores 1 e o xoves 16 na Biblioteca Municipal do Milladoiro, e o xoves 2 e o mércores 15 na de Bertamiráns terán lugar dúas tardes de contacontos para nenas e nenos. Empezarán ás 18:00 horas e son de participación libre.

“Moitos ratiños” é o nome da primeira sesión de contos dramatizados. Para esta escolléronse as lecturas “Pinta ratiños”, “Contos de ratiños”, “Números” e “Cores”. O mércores 1 de xuño levarase a cabo no Milladoiro e o xoves 2 en Bertamiráns.

“Unha de elefantes” é o título da segunda sesión de contacontos. “O elefante que non era elefante”, “Romeo e Julieta” e “Elmer” foron os títulos escollidos. As familias poden achegarse o mércores 15 a Bertamiráns ou o xoves 16 ao Milladoiro para escoitar estas historias.

As actividades de contacontos, que están dirixidas a nenos e nenas de entre 3 e 8 anos, enmárcanse nas actividades de Animación á lectura organizadas polo departamento de Educación e Cultura do Concello de Ames.