A oitava edición de Cinema Miúdo celebrouse do 13 ao 16 de novembro cun programa que combinou proxeccións internacionais, obradoiros creativos e actividades orientadas a reforzar a educación en valores a través do cinema. O festival presentou unha selección de nove bloques de curtametraxes procedentes de 21 países, incluíu sesións específicas para público escolar e abriu espazo para a reflexión mediante dúas propostas especiais baixo o título Cinema en Valores. Premendo nesta ligazón podes acceder á galería de imaxes do Festival Internacional de Cinema Infantil Cinema Miúdo.
Entre as novidades desta edición destacaron a incorporación de subtitulado para persoas xordas nunha das sesións e o subtitulado ao galego de numerosas obras internacionais, reforzando o compromiso coa accesibilidade e a lingua propia. Ademais, os obradoiros de efectos especiais e stop motion volveron esgotar prazas, confirmando o seu atractivo para o público infantil.
Cinema Miúdo acolleu ao longo das súas catro xornadas a preto de 2.000 persoas, o que converte esta edición na máis multitudinaria das oito celebradas ata o momento. Ademais das familias de Ames, achegouse público doutros concellos, incluído Santiago de Compostela, consolidando o festival como unha referencia cultural na contorna. O certame está organizado polo Concello de Ames e conta co apoio da Deputación da Coruña. A xestión e programación está feita pola produtora cultural viguesa Abella, con dirección de Juan de Castro.
Clausura e entrega de premios
O festival pechou o domingo 16 cunha gala na Casa da Cultura de Bertamiráns presentada por Peter Punk, que encheu o espazo de humor. No acto estiveron presentes o alcalde de Ames, Blas García, e a deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González. Tamén asistiu a familia de Miguel López “O Hematocrítico”, quen quixo acompañar a entrega do premio honorífico que leva o seu nome.
Os nenos e nenas volveron ser protagonistas da edición, xa que foron eles quen decidiron os Premios do Público a través do xa característico aplausómetro. As familias amesáns amosaron un entusiasmo especial pola selección de curtametraxes internacionais, que fixeron saber aos organizadores ao longo da fin de semana.
A selección oficial de curtametraxes tamén foi avaliada por un xurado internacional formado por tres profesionais de ampla traxectoria no ámbito audiovisual que expresou a súa dificultade de chegar a un veredicto ante a alta calidade da selección amosada. A galega Amaia Mauleón, xornalista e responsable da Vigo Film Office e autora de varios libros infantís; O estoniano Oskar Lehemaa, director de imaxe real e animación, con obras presentes en festivais como Annecy ou Sundance; e a portuguesa Sara Naves, con máis de quince anos de experiencia en animación tradicional e programadora do Festival Vila do Conde.
Premios do Público
-Premio Axóuxeres: Mojappi émeu! de Nijitaro (Xapón, 2024).
-Premio Buxainas: Verde para sempre [Forevergreen] de Nathan Engelhardt e Jeremy Spears (EUA, 2025).
-Premio Escolares: Sentinme linda [Sætur] de Anna Karín Lárusdóttir (Islandia, 2023).
-Mención especial Escolares: A forza [La Fuerza] de Cristina Martin Barcelona e María José Martin Barcelona (España, 2024).
Premios do Xurado
-Premio Axóuxeres: O túnel da noite [Le Tunnel de la Nuit] de Annechien Strouven (Bélxica-Francia, 2024).
-Mención especial do Xurado: A carpa e a nena [La Carpe Et L'Enfant] de Morgane Simon e Arnaud Demuynck (Bélxica - Francia, 2024).
-Mención especial do Xurado: A lenda do colibrí[La Légende Du Colibri] de Morgan Devos (Francia, 2024).
-Premio Buxainas: A viñeta baleira [La Case Vide] de Thibault Chollet (Francia, 2025).
-Mención especial do Xurado: Pader de Jean Vergé (Francia, 2024).
Premio Honorífico
-Premio Honorífico Miguel López "El Hematocrítico": Dragfox de Lisa Ott (Reino Unido).
Novas relacionadas:
Bisbarra: "O Cinema Miúdo de Ames pecha a oitava edición con éxito histórico de público"















