Pestanas principais

Cinema Miúdo organiza un obradoiro para coñecer a orixe do cinema

Xoves, 17 de novembro de 2022

A maxia do cinema revelase en múltiples formas no Cinema Miúdo, o festival internacional de cine infantil de Ames, que organiza a Concellaría de Cultura entre o 24 e o 27 de decembro. No programa de Cinema Miúdo atopamos unha impactante sección de curtametraxes infantís, chegadas de moitas partes do mundo e dividas por idades, audiovisual galego e portugués, actuacións de Peter Punk e Barafunda, a proxección do filme  “O lobo e o león” e un obradoiro creativo: Xoguetería óptica. Coñecendo o zootropo. Os convites para o festival pódense adquirir na Billeteira electrónica. Para inscribirse no obradoiro hai que enviar un correo electrónico ao enderezo  actividades@cinemamiudo.gal indicando nome, idade e teléfono. Preme nesta ligazón para descargar o catálogo do festival.

O devandito obradoiro consistirá na creación dun zootropo, un xoguete óptico moi popular no século XIX que está nas bases do cinema de animación. Un zootropo está composto por un tambor circular dentro do cal se colocan imaxes. Ao facelo xirar, as imaxes cobran movemento, por mor dun efecto óptico estroboscópico.

O taller está recomendado para miúdos e miúdas de entre 7 e 12 anos. Haberá dous pases, para dar a oportunidade a que máis nenos e nenas desfruten da experiencia. Sábado, 26 de novembro, de 11 a 12:30 na Casa da Cultura de Bertamiráns, e domingo, 27 de novembro, de 11 a 12:30 na Casa da Cultura do Milladoiro.  Para inscribirse en dito obradoiro hai que enviar un correo electrónico ao enderezo  actividades@cinemamiudo.gal indicando nome, idade e teléfono.

O obxectivo desta actividade, desenvolvida polo equipo de Novos Cinemas, é espertar o interese polos estados primitivos do cinema, validar o papel da ciencia en toda arte que simule o movemento, dar a coñecer a xoguetería óptica aos miúdos do século XXI, tanto o seu deseño como funcionamento, así como fomentar a experimentación e a interacción cos medios de produción, valorando a reutilización e a reciclaxe de materiais de consumo.

37 curtametraxes a concurso
A sección oficial está formada por 37 curtametraxes seleccionadas entre as máis de mil recibidas polo equipo de programación. Como en anos anteriores, estarán divididas en seis bloques, 3 da categoría axóuxeres e 3 de buxainas. Esta división faise atendendo tanto á temática dos filmes como a súa idade recomendada: Axóuxeres, para nenos e nenas de 2 a 7 anos, e Buxainas, para desfrutar a partir dos 7 anos. Os filmes proceden de diferentes países como Francia, Noruega, China, Rusia, Portugal e Estonia. Tamén hai representación das diferentes comunidades españolas, así como traballos galegos. Os convites para o festival pódense adquirir na Billeteira electrónica.
Cinema Miúdo
Cinema Miúdo é un festival de cine infantil, que nace da Concellaría de Cultura do Concello de Ames en 2017. O festival quere proporcionar ao público miúdo galego a oportunidade de desfrutar de filmes inéditos, orixinais, sorprendentes e de descubrir olladas doutras partes do mundo, ao proxectar curtametraxes dos cinco continentes.

Deste xeito propíciase que a rapazada descubra o gusto polo cinema e fórmase un público futuro con sensibilidade artística, interese cultural e espírito crítico ante o consumo audiovisual. Algo de especial relevancia para o Concello de Ames, que ten a maior ratio de nenos e nenas de toda Galicia.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Cinema Miúdo incluirá un taller sobre os zootropos"

Cartaz do festival internacional de cine infantil de Ames

Multimedia

  • Cartaz do festival internacional de cine infantil de Ames
  • Imaxe dun zootropo
  • Embedded thumbnail for