Pestanas principais

Cinema Crianza arrinca ante 629 nenos e nenas durante as sesións escolares

Xoves, 15 de novembro de 2018

[15-11-2018] Un total de 331 alumnos e alumnas dos centros de ensino de Ames puideron gozar esta mañá das primeiras sesións escolares na Casa da Cultura do Milladoiro, coas que arrincou a segunda edición do Cinema Crianza. As proxeccións continuarán mañá venres para outros 298 nenos e nenas antes de que, durante toda a fin de semana, se desenvolva o festival aberto a todo o público, no que se proxectarán un total de 73 pezas audiovisuais.


O Festival Internacional Cinema Crianza arrincou esta mañá con tres sesións escolares nas que participou alumnado da EEI Milladoiro, CEIP Barouta, CEIP A Maía e do CEIP Agro do Muíño. Estas funcións continuarán mañá, venres, para os alumnos/as de 5º e 6º de Primaria dos colexios CEIP Barouta, CEIP A Maía, CEP Ventín. Asemade, esta tarde realizarase unha mesa redonda baixo o título Cruce de camiños. Diálogos entre educación e audiovisual, na que participarán os docentes do CEIP A Lama Cristina Campos e Rafael Sánchez-Agustino, a produtora Mamen Quintas, o profesor Manolo González e a coordinadora da Asesoría de bibliotecas escolares Cristina Novoa.

Durante este diálogo entre docentes e profesionais, tentaráselle dar resposta a cuestións sobre como se inician os cativos/as no consumo audiovisual, que produtos deben incorporarse na aula ou o motivo polo que son tan escasas, en Galicia, as producións destinadas ao público infantil e xuvenil. Esta mesa, que terá lugar na Casa da Cultura do Milladoiro ás 19.00h, será moderada por Marcos Nine, director do festival, co obxectivo de reflexionar sobre o cinema como instrumento para coñecer a realidade, fomentar valores e potenciar o espírito crítico dende a infancia.

Unha fin de semana chea de actividades e curtametraxes
Despois deste achegamento ao público infantil, a sesión inaugural do festival realizarase o venres 16, ás 18.00h, na Casa da Cultura de Bertamiráns. O primeiro bloque en proxectarse será Narracións extraordinarias (+5 anos), formado por 9 curtas a través das que se afonda no reino da fantasía.

O sábado comezarase ás 12.00 horas en Bertamiráns, coas curtas de Pequenas Criaturiñas (+ 2), para gozar de cores, música e bechiños de partes remotas do planeta. Fóra de concurso os nenos e nenas poderán cantar con Magín Blanco e outros artistas con Música para Parrulos (0 anos). Asemade, ese mesmo día, a compañía de teatro Cachivache guiará aos asistentes a través da 'Feira das Ilusións', unha exposición que mostra a maxia da física e a física da maxia a través de varios xoguetes e dispositivos que, entre o século VIII e o XX, sentaron as bases do que foi despois o cinematógrafo.

O domingo, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro, poderase ver unha selección de 6 curtas no bloque Primeiras Aventuras, ao que lle seguirá unha nova sesión de 'A miña familia e outros animais' e 'Narracións Extraordinarias'. A clausura e entrega de premios celebrarase a partires das 18.00 horas, antes da que se poderá gozar da estrea da última curta galega de animación de Manel Cráneo, 'Pichük', con Miguel de Lira.

A Cerimonia de Clausura, coa entrega de premios, incluirá a exhibición do clásico 'O Globo Vermello', do francés Albert Lamorisse, unha conmovedora simbolización dos soños e da crueldade dos que tratan de coartarlos. O mediometraxe, Palma de Ouro en Cannes en 1956 e Óscar a mellor guión, é un recurso habitualmente empregado para falar na aula da amizade ou a importancia de ser un mesmo.


Durante esta segunda edición do festival, os filmes proxectaranse en 11 sesións organizadas segundo recomendacións de idade, distinguindo entre as pezas dirixidas a bebes, maiores de 2 anos, a partires dos 5 e maiores de 7 anos. Asemade, nesta edición tamén se inclúen bloques novos con propostas nas que o fútbol, o medio ambiente ou a música serán os protagonistas: Brotes Verdes (+5), O Reino das Harmonías (+7) e Arredor dunha Pelota (+7) poderanse ver o sábado pola tarde, día que rematará coas curtas de A miña familia e outros animais (+7), porque o mundo aos 7 é complexo e precisa ser contado.

Así, este ano proxectaranse as 73 pezas escollidas entre máis de 2.000 propostas audiovisuais procedentes de máis de 90 países de Europa, América, Asia e África, entre eles, Irán, India, USA, Rusia, Austria, Noruega, Israel,Turquía, Italia, Francia, Reino Unido, España, Venezuela, Arxentina, Brasil, Canadá, México, Xapón ou Exipto.

As curtas finalistas, que optan aos premios Axóuxeres e Buxainas, poderanse ver na Casa da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro, do venres 16 ao domingo 18 de novembro. Trátase de filmes e videoclips para toda a familia que farán voar a imaxinación e creatividade do espectador coa música, o fútbol, o medio ambiente, a familia ou o paso do tempo como leiv motiv.

Esta segunda edición do festival, organizada polo Concello de Ames e a cooperativa cultural Urdime, coa colaboración da Deputación da Coruña, supón a consolidación de Cinema Crianza como referente internacional. Unha iniciativa que xurde co obxectivo de converterse, ademais de en escaparate para novos cineastas, nunha xanela aberta que favoreza que o público infantil de Galicia acceda a un cinema diferente e multicultural de alto contido social e de calidade.

O xurado
Esta edición conta coa presenza como xurado do director xeral da Academia Galega do Audiovisual, Miguel Mariño; a directora e realizadora Sandra Sánchez e a guionista Sara Gómez Iglesias.

Sandra Sánchez é autora do filme 'Tralas Luces', nomeado no Festival de Cine de Donosti e que recibiu dous Mestre Mateo á Mellor Director e Mellor Montaxe. Entre os documentais que dirixiu destaca 'Aguiño, sobrevivir ao Prestige' e 'Moito Mar'.

Pola súa banda, Sara Gómez Iglesias é guoinista, deseñadora de proxectos audiovisuais e fotógrafa. É responsable do guión de series e películas para televisión como 'Padre Casares', 'Matalobos', 'África' ou 'Cinco días de Nadal'.

Miguel Mariño é director xeral da Academia Galega do Audiovisual. En 2007 inicia como artista unha investigación centrada nos procesos analóxicos da imaxe cinematográfica que o levou a expoñer en varios países de Europa e América.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "Cinema Crianza debate hoy sobre creación y educación"
Compostela 24 horas: "Todo listo para a segunda edición de Cinema Crianza"
La Voz de Galicia: "Los escolares estrenan el festival Crianza"
Compostela 24 horas: "Cheo absoluto na sesión inaugural de Cinema Crianza"
El Correo Gallego: "Cinema Crianza proxecta hoxe curtas cheas de cores e música "