Pestanas principais

Cincocentas persoas encherán mañá as rúas de Ames para festexar o Entroido

Domingo, 15 de febreiro de 2015

[15-02-2015] O Entroido chega mañá a Ames cunha gran festa que terá lugar no aparcadoiro da Telleira, en Bertamiráns. As inscricións para participar no concurso de disfraces xa acadaron a cifra dos cincocentos participantes, pero o dato pode aumentar o propio día do evento. A música correrá a cargo da charanga BB+ e a orquestra Los Players.

O desfile iniciarase sobre as 18:00 horas aínda que os asistentes deberán presentarse na carpa unha hora antes para iniciar o desfile. No concurso de disfraces repartiranse un total de 4.025 euros nas diferentes categorías e  como novidade desta edición, o mellor disfrace realizado con material reciclado recibirá 100 euros.  

Ademais, haberá un concurso de receitas típicas de Carnaval onde se poderán degustar os mellores pratos destas datas. Croquetas de lacón, orellas, torta carnavaleira ou leite fritido son algunhas das propostas dos concursantes, que poderán facerse con algún dos premios valorado en 250 euros.  

Cortes de tráfico e restricións de aparcamento  
Con motivo do desfile de Entroido haberá cortes de tráfico nas avenidas da Peregrina e da Maía e nas rúas Poeta da Maía e Pedregal.   Por outro lado, o aparcadoiro da Telleira quedará pechado ao estacionamento dende as 0:00 horas do domingo-15 ata as 12:00 horas do martes-17. Ademais, estará prohibido aparcar nos tramos das rúas Comaro, Travesía Lodeiro, Lodeiro e Avenida da Peregrina que arrodean o aparcadoiro, dende as 14:00 ata as 20:00 do luns-16.