Pestanas principais

A cidadanía apoia aos damnificados/as da Illa da Palma

Martes, 26 de outubro de 2021

Dous palés cargados de produtos hixiénicos é o resultado da campaña organizada pola Agrupación de Protección Civil de Ames, en colaboración con XEA. A campaña tiña como obxecto enviar estes produtos de hixiene persoal aos afectados/as pola erupción do volcán de Cumbre Vieja na illa canaria da Palma. Varios supermercados radicados en Ames colaboraron o pasado 22 de outubro na iniciativa. Por outra banda, Ames centralizou a recollida que desenvolveron as Agrupacións de Protección Civil de Negreira, Boimorto, Teo e Santiso nos seus respectivos concellos e que achegaron tres galés máis de produtos. En total, 5 palés con axuda serán enviados á illa da Palma.

Varios supermercados de Bertamiráns e do Milladoiro colaboraron nesta campaña de recollida. No Milladoiro fixérono o supermercado Familia, da Avenida de Rosalía de Castro, Supercor, da rúa Agro do Medio e Gadis da Avenida Rosalía de Castro. En Bertmiráns, sumáronse á campaña o Carrefour da rúa Entre Ríos, o supermercado Día, da Avenida da Maía e os traballadores e traballadoras do Froiz da Avenida da Maía.

Por outra banda, XEA, a Xuntanza de empresarios de Ames, estableceu tres puntos de recollida en Bertamiráns e outros tres no Milladoiro. En Bertamiráns recolléronse produtos na Papelería Chavián, en Queen  e en T3. No Milladoiro, a recollida efectuouse en Careva, en JM Seguros, na Asociación de empresarios do Parque Empresarial do Milladoiro e na rúa Palmeiras 19.

A recollida en Ames levouse a cabo o venres, 22 de outubro, entre as 17:00 e as 19:00 horas e non puido ser máis frutífera. O persoal de Protección Civil do concello fixo reconto das achegas e o resultado pon de manifesto, segundo Juan Crespo, presidente da Agrupación amesá de Protección Civil, a solidariedade dos veciños e veciñas de Ames : “Grazas á rápida participación dos veciños xuntáronse en tan pouco tempo dous palés”. Crespo quere tamén dar as grazas aos voluntarios e voluntarias de Protección Civil “que durante toda a xornada organizaron o material recollido e prepararon os palés para o seu envío” e aproveita a circunstancia para ampliar ese agradecemento ao labor que estas persoas fan decotío.

Pola súa banda, o alcalde de Ames, Blas García agradece o apoio da veciñanza “pola colaboración e a solidariedade, xa que en dous días recolleuse unha cantidade importante de produtos de hixiene” Apunta o alcalde que “esta é unha primeira fase de colaboración, xa que estamos a traballar nunha colaboración directa desde o concello cos voluntarios de Protección Civil de Santa Cruz de La Palma para mercarlles material”.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Protección Civil recibiu o material para La Palma do sur da Coruña"

AMSGO!: "A solidariedade amesá tende a man a La Palma"

Recollida solidaria para A Palma

Multimedia

  • Recollida solidaria para A Palma
  • Recollida solidaria para A Palma
  • Recollida solidaria para A Palma
  • Recollida solidaria para A Palma
  • Recollida solidaria para A Palma
  • Recollida solidaria para A Palma