Pestanas principais

A choiva non impediu que 200 persoas coñecesen o Barbanza

Martes, 29 de marzo de 2011

[29-03-2011] A pesar do mal tempo, a excursión á península do Barbanza programada para o sábado 26 dentro do programa "Coñecendo o país" foi todo un éxito. Arredor de 200 veciños e veciñas de Ames puideron participar nesta saída na que coñeceron unha das comarcas con maior valor paisaxístico de Galicia. As persoas participantes coñeceron máis sobre a historia e o patrimonio de vilas como Ribeira ou Noia. Esta a primeira excursión das tres que están programadas para o presente ano. A próxima saída está previsto que se realice o vindeiro18 de xuño e os amienses poderán visitar á Ribeira Sacra.

A choiva que fixo acto de presenza ao longo da fin de semana non foi quen de impedir que parte da veciñanza de Ames se achegase ata o Barbanza para coñecer o encanto desta comarca dentro do programa "Coñecendo o país", na súa primeira excursión do ano. Preto de 200 veciños e veciñas do Concello coñeceron ao longo do día o valor paisaxístico, histórico e patrimonial desa parte de Galicia. Á excursión asistiu o Concelleiro de Cultura, Francisco Villaverde Marcos, e á hora do xantar achegáronse tamén o alcalde, Carlos Fernández, e a Concelleira de Economía e Facenda e de Mocidade, Patria Conde.

Os horarios do programa foron cumpridos escrupulosamente. A excursión comezou ás 9:00 horas da mañá do sábado 26 coa saída desde Bertamiráns e desde o Milladoiro. Catro autobuses trasladaron aos 200 participantes ata a península do Barbanza. A chegada a Ribeira, onde se deixou tempo libre para almorzar, foi ás 10:00 horas. Ás 10:30 h. comezaron as visitas rotativas por Ribeira, polo miradoiro da Pedra da Rá, polo Dolmen de Axeitos e polo Parque Natural de Corrubedo.

Rematadas as visitas da mañá, ás 13:30 h. saíuse para o Restaurante Hotel Oca-Río Azor, onde ás 14:00 horas tivo lugar o xantar. Ás 16:00 h. a excursión saíu para a Pobra do Caramiñal, onde os participantes puideron dar un paseo, e ás 17:00 h. subiuse ata o monte da Curota, un dos mellores miradoiros das Rías Baixas. Ás 18:00 horas o grupo dirixiuse a Noia, onde ás 19:00 h. visitaron o seu fermoso casco histórico. Ás 20:00 h. deixouse tempo libre aos participantes na excursión. Rematada a visita, ás 20:30 horas, tivo lugar a saída de volta a Ames, onde se chegou ás 21:00 horas tras un día moi intenso.

As excursións organizadas pola Concellaría de Cultura baixo o programa "Coñecendo o país" gozan historicamente dun grande éxito no Concello. En 2010, realizáronse tres saídas, nas que participaron máis de 700 persoas. Deste xeito, o ano pasado os amienses visitaron as localidades de Cea, Oseira e Ourense na primeira saída, Pedrafita do Cebreiro e Samos na segunda e Celanova e Allariz na terceira e última excursión. Tamén este ano se realizarán novas visitas para que os veciños e veciñas de Ames sigan coñecendo outras comarcas de Galicia.