- Tematica
A Casa do Concello, en Bertamiráns, acolleu esta mañá a presentación dunha nova edición do concurso “Ilumina o teu sorriso”, organizado un ano máis pola Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA) coa colaboración da Concellaría de Promoción Económica do Concello de Ames. Esta iniciativa xorde co propósito de fomentar e promover o comercio local en Ames. As persoas interesadas en participar no concurso de fotografía deberán realizar dúas fotos nas localizacións con decoración de Nadal en Ames: as prazas do Concello e a Maía en Bertamiráns, ou a praza da Madalena e o aparcamento do Supercor no Milladoiro. Este ano súmase a novidade do Premio Especial XEA, que consistirá en retratar un escaparate con decoración de Nadal asociado a XEA e estará dotado dun vale de 300 euros para gastar en dito establecemento. Os demais premios son un vale de 250€, outro de 150€ ou un de 100€ para gastar nos comercios asociados á XEA.
O certame foi presentado esta mañá pola concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz; o presidente de XEA, Ramón Cordido; a xerente de XEA, Beatriz López; e un dos vogais de XEA, Jorge López.
Durante o acto, a concelleira de Promoción Económica indicou que “dende o Concello estamos moi contentos de seguir colaborando con estas iniciativas promovidas dende XEA”, e fixo fincapé na relevancia destas iniciativas: “é moi importante para que a xente veña a ver a decoración e os escaparates tan bonitos e dinamizar o noso comercio”. Pola súa parte, o presidente de XEA, Ramón Cordido, quixo “dar as grazas ao Concello pola colaboración” unha edición máis, da cal espera “unha alta participación”, xa que “dá visibilidade aos nosos socios e premia a iluminación de Nadal do Concello”.
Requisitos de presentación
O prazo de presentación de fotografías desta edición de “Ilumina o teu sorriso” estará aberto dende o próximo xoves 4 de decembro ata o vindeiro 5 de xaneiro. En canto aos requisitos, as imaxes poderán realizarse con calquera tipo de técnica e estilo. O resto de condicións poden consultarse na seguinte ligazón.
Pode participar calquera persoa maior de 18 anos residente en España e os participantes deberán enviar as súas fotografías ao enderezo electrónico amesnarua@gmail.com xunto cos datos do autor (nome e apelidos, data de nacemento e enderezo), un número de teléfono e un texto no que se autorice á organización a difusión das fotografías enviadas segundo as bases do sorteo. No caso de que aparezan persoas recoñecibles nas imaxes, deberá de enviarse tamén un escrito por ditas persoas nas que se autorice o uso da súa imaxe.
Os concursantes deberán enviar dúas fotos tomadas nos lugares predeterminados en Bertamiráns (2026 luminoso da praza da Maía; árbore iluminada de Nadal da praza do Concello) ou no Milladoiro (A tridimensional da praza da Madalena; árbore iluminada localizada no aparcamento do Supercor). Ademais, este ano inclúese como novidade o Premio Especial XEA, cunha foto nun escaparate ou establecemento decorado de Nadal e que pertenza a XEA. As dúas fotos teñen que ser de elementos diferentes, indistintamente da localidade.
Así mesmo, as persoas participantes prestan o seu consentimento para que as imaxes presentadas sexan expostas nas redes sociais de @amesnarua baixo o hashtag #iluminaoteusorriso25 e #amesnarua.
Sorteo dos premios
A cada unha das persoas que participen no concurso asignaráselle un número de sorteo consecutivo segundo o envío ao enderezo de correo electrónico facilitado. A Xuntanza de Empresarios de Ames, XEA, realizará no mes de xaneiro un sorteo dixital no que se coñecerán as persoas premiadas desta edición do concurso. Os tres primeiros números que resulten do sorteo, serán as persoas premiadas. Tamén se sortearán dous números máis que corresponderán ao primeiro e segundo suplente para que, no caso de que non se poida contactar coas persoas gañadoras nun prazo de tres días hábiles, se lles adxudique aos suplentes os seus correspondentes premios.
A persoa participante á que lle corresponda o primeiro número recibirá un vale de 250€ para gastar en comercios asociados á XEA. Así mesmo, a segunda persoa premiada recibirá un vale de 150€ e o terceiro premio obterá de 100€ para gastar nos comercios locais da XEA. Para o Premio Especial XEA, a dotación será de 300€ para gastar nese comercio específico no que se tomou a fotografía.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Convocado el certamen navideño de Ames «Ilumina o teu sorriso»"
Xornal de Compostela: "Ames impulsa unha nova edición de ‘Ilumina o teu sorriso’ para promover o comercio local"








