Pestanas principais

Chega o “CeibaRimas” ao anfiteatro do Milladoiro

Xoves, 20 de agosto de 2020

O anfiteatro do Milladoiro acollerá o venres 28 de agosto o obradoiro de rimas en galego “CeibaRimas” que organiza a Dirección Xeral de Xuventude da Consellaría de Política Social da Xunta e Galicia en colaboración coa OMIX de Ames. Trátase dun proxecto de rap improvisado en galego que ten como obxectivo prioritario a normalización da lingua galega entre a mocidade. Fran, rapeiro do grupo Rebelión do Inframundo, será o encargado de dinamizar o obradoiro en Ames. Por mor da COVID19, e para seguir estritamente as normas de seguridade, o grupo que participará no obradoiro redúcese a 15 persoas máximo. As persoas que queiran inscribirse poden facelo xa a través da páxina web www.ceibarimas.gal.

O CeibaRimas nace como unha ferramenta para aproximarse á mocidade e para normalizar o uso da lingua galega entre este sector da poboación. Un sector que rapea con asiduidade pero que, en moitas ocasións, o fai en castelán e seguindo as pautas, case sempre machistas, das batallas de galos. O CeibaRimas busca tamén abandonar esas dinámicas machists e crear un formato máis feminista e inclusivo.

A estrutura do CeibaRimas baséase en dous eixos: obradoiros e eventos. Durante este mes de agosto, en distintos puntos de Galicia, entre eles Ames, organizaranse ao redor de 10 obradoiros de improvisación nos que se lles ensinarán as/os participantes as ferramentas básicas para iniciarse no mundo do rap improvisado. No mes de setembro organizarase unha Liga de Rap improvisado en galego que consistira en cinco eventos, un por provincia e un para a final, nos que as persoas inscritas competirán por ser o/a mellor dentro da disciplina. Está Liga estará aberta tanto á participación das persoas que se formen nos obradoiros como do público en xeral.

Antecedentes
CeibaRimas xorde durante o periodo de confinamento coa creación de #CeibaRimasChallenge, un reto de Instagram que consistía en subir un video de un minuto improvisando en galego e retar a tres persoas a continuar a cadea. A iniciativa tivo moi boa acollida, conseguindo que se subisen 50 vídeos nas primeiras semanas e que se acadasen os 200 seguidores nun mes. 

> Chega o “CeibaRimas” ao anfiteatro do Milladoiro