Pestanas principais

Chega a Ames unha nova edición do Día do Deporte e a terceira Carreira e Andaina da Familia

Martes, 17 de setembro de 2019

O salón de plenos da Casa do Concello acolleu este martes, 17 de setembro, a presentación dunha nova edición do Día do Deporte e a realización da III Carreira e Andaina da Familia, que se levarán a cabo o sábado, 28 de setembro, no Milladoiro. Con motivo da conmemoración da Semana Europea do Deporte, que se celebra do 23 ao 29 de setembro, a Concellaría de Deportes preparou un programa específico de actividades para conmemorar esta data. Na presentación estiveron presentes a concelleira de Deportes, Susana Señorís, a concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, representantes de ASANOG e o técnico de Deportes, Alberto Viaño. Toda a recadación do día irá destinada integramente a ASANOG, a Asociación de Axuda a Nenos/as Oncolóxicos de Galicia.

Con motivo da celebración deste Día do Deporte, a área deportiva do Milladoiro acollerá o vindeiro sábado, 28 de setembro, a realización de diferentes actividades de grupo, impartidas por clubs de Ames, como son o baloncesto, fútbol sala, voleibol, tenis, patinaxe, atletismo, xadrez, piragüismo e judo, xunto con outras actividades dirixidas a adolescentes e maiores como son o zumba, step, ioga, spinning, body combat ou pilates.

Ademais, ao igual que o ano pasado, o Concello ofrecerá a posibilidade de probar novas disciplinas como o squash e o golf. Unha extensa oferta deportiva que se ofertará ao longo de toda a xornada, en horario de mañá e tarde. Deste xeito, poderanse practicar diversas actividades deportivas repartidas espazos  diferentes. Para a concelleira de Deportes, Susana Señorís, a xornada permitirá “practicar diferentes modalidades coas novidades do golf e o squash nesta edición. Neste sentido, instalaremos unhas pistas inchables de squash para que os nenos e nenas se acheguen a estas disciplinas en horario de mañá e tarde. Asemade, contaremos coa presenza de Eva Rosón, campioa sub-11 de squash e Lucas Rosón, terceiro no ranking nacional”.

Con cada actividade entregarase un tícket para o sorteo de agasallos que se fará ao final da xornada. Tamén haberá inchables, obradoiros, competicións 3x3, carreiras e xogos. O Día do Deporte reunirá as actividades propostas na área deportiva do Milladoiro. Todas as actividades comezarán ás 11:00 horas e prolongaranse ata as 21:00 horas da tarde, cunha pausa para o xantar entre as 14.00 e as 17.00 horas.

III Carreira e Andaina da Familia
Dentro das actividades enmarcadas na celebración do Día do Deporte, desenvolverase a III Carreira e Andaina da Familia, un evento que permite a participación individual ou en familias monoparentais ou de máis integrantes, compostos por avós/avoas ou pais/nais e fillos/as. Toda a recadación do día irá destinada integramente a ASANOG, a Asociación de Axuda a Nenos/as Oncolóxicos de Galicia, unha asociación sen ánimo de lucro que nace en 2012 para contribuír no ámbito da nosa comunidade a mellorar o estado dos nenos oncolóxicos e as súas familias.

A saída e meta da proba estará situada na rúa do Buxo, no aparcamento da Travesía do Porto a carón do Centro Comercial Novo Milladoiro. A participación está aberta a todo a veciñanza e este ano, para animar a máis familias, tamén se poderá participar dunha andaina con participantes de calquera idade. Os menores de 10 anos deberán ir obrigatoriamente acompañados dun adulto na andaina/carreira. Descarga aquí o regulamento da III Carreira e Andaina da Familia.

Ás 11:00 horas procederase á entrega de dorsais e bolsa de regalo na carpa da organización para, media hora despois, iniciar a actividade cunha sesión musical que inclúe animación, baile e DJ. ÁS 12:00 horas haberá unha sesión de quecemento grupal antes de dar a saída da proba, cun percorrido de 3 km aproximadamente co obxectivo de que todos os integrantes das familias participantes poidan disputar a proba sen carácter competitivo. Ás 12:45 comezarán unha serie de actividades lúdicas para toda a familia e haberá inchables e xogos para os nenos e nenas. O fin de festa, previsto para as 13:30 horas, contará cun sorteo de agasallos e a entrega de premios. A organización estableceu diferentes premios para a familia máis numerosa, o avó/avoa de máis idade, as/os 3 primeiras/os chegadas/os a meta, a primeira familia monoparental, a primeira familia de 3 integrantes, a primeira familia de 4 integrantes e a primeira familia de 5 integrantes.

Inscricións
As inscricións levaranse a cabo a través da páxina web www.carreirasgalegas.com ata o xoves, 26 de setembro, ás 23:59 horas. O prezo da inscrición será de 6 € por participante adulto. Os escolares menores de 16 anos inscribiranse gratuitamente na plataforma, pero deberán realizar o donativo solidario no momento da recollida do dorsal. Non se establece idade mínima de participación, pero todos os menores de 10 anos deberán ir obrigatoriamente acompañados dun adulto durante a andaina y/ou carreira. A recadación irá destinada integramente a ASANOG. Asemade, establecerase no formulario de inscrición a opción “Dorsal 0” no caso de que se desexe realizar un donativo á Asociación. Tamén o día propio do evento habilitarase unha carpa da Asociación para poder colaborar e doar o que cada persoa ou familia desexe.

Punto biosaludable
Outra das novidades que deixa esta nova edición da Día do Deporte a da III Carreira Andaina da Familia é a colocación dun punto biosaludable, no que se incluirá alimentación saudable para a xente que participe da andaina, vaia correr ou simplemente se queira achegar a ese espazo. Ademais, como manifestou a concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, aproveitarase a xornada para “facer unhas pequenas recomendacións para coidar o corazón, coincidindo coa celebración, o día 29, do Día Mundial do Corazón. Contaremos tamén con persoal para que nos tome a tensión e nos mire a saturación de osíxeno en sangue. Queremos que Ames sexa tamén referente en saúde, sempre da man do deporte e a nutrición saudable”.

Ligazóns:

La Voz de Galicia: "Ames ultima una nueva edición del Día do Deporte"

El Correo Gallego: "Día do Deporte, Carreira e Andaina da Familia en Ames"

Lindeiros: "Día do Deporte e 3º Carreira e Andaina da Familia en Ames"

Compostela 24 horas: "Ames celebrará o vindeiro 28 de setembro unha nova edición do Día do Deporte e a Carreira e Andaina da Familia"

Presentación do Día do Deporte e da terceira Carreira e Andaina da Familia

Multimedia

  • Cartel da terceira Carreira e Andaina da Familia
  • Cartel do Día do Deporte