- Tematica
As Casas da Cultura do Milladoiro e Bertamiráns acollen dende este xoves, 23 de maio, ata o domingo 26, a primeira edición do ciclo de monólogos. Trátase dunha nova iniciativa, impulsada polo Concello a través do departamento de Cultura, que inclúe actuacións de figuras consolidadas como Quico Cadaval, Pepo Suevos, Paula Carballeira e Carlos Blanco, xunto con artistas emerxentes como Antía Costas, Adrián do Regenco e Cristóbal Álvarez. Quedan entradas para os espectáculos do venres 24 e do sábado 25. Poden adquirirse na Billeteira electrónica do Concello. As entradas para os espectáculos do xoves e domingo están esgotadas
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Cultura, organiza un ciclo de monólogos da man de sete artistas galegos; algúns deles xa de sobra coñecidos como Quico Cadaval, Pepo Suevos, Paula Carballeira e Carlos Blanco, xunto a outros/as artistas emerxentes como Antía Costas, Adrián do Regenco e Cristóbal Álvarez. Trátase dunha nova iniciativa que se vai celebrar nos auditorios das Casas da Cultura do Milladoiro e Bertamiráns do 23 ao 26 de maio. Deste xeito trátase de ampliar a oferta cultural que programa ao longo do ano o Concello de Ames.
Este ciclo de monólogos foi presentado o pasado 25 de abril na Casa da Cultura de Bertamiráns e está tendo unha gran resposta por parte do público amesán. Na actualidade están esgotadas as entradas para o espectáculo que ofrecerán este xoves Quico Cadaval e Antía Costas na Casa da Cultura do Milladoiro e tamén para as dúas sesións do espectáculo de Carlos Blanco, que serán o domingo 26 de maio, ás 19.00 e 21.00 horas.
Para os espectáculos do venres 24 (Pepo Suevos e Adrián do Regenco) e do sábado 25 (Paula Carballeira e Cristobal Álvarez) aínda quedan algunhas entradas á venda. Poden adquirirse na Billeteira electrónica do Concello.
O alcalde e concelleiro de Cultura, Blas García, explica que esta proposta é “algo distinto do que vimos facendo habitualmente e que queremos que continúe nos vindeiros anos”. Así mesmo, destaca “a variedade da programación cultural municipal que se ofrece ao longo do ano, con propostas para todos os públicos, como o ciclo Abril de Cine ou as propostas de danza e teatro que integraron o Ames Cultural 2024, que se desenvolveu no primeiro semestre de 2024 e ao que asistiron un total de 1.877 persoas”.
Monólogos en Bertamiráns e no Milladoiro
A primeira sesión será o xoves 23 de maio, ás 21:00 horas, coa actuación de Quico Cadaval e Antía Costas na Casa da Cultura do Milladoiro. Neste mesmo auditorio estarán o sábado 25 Paula Carballeira e Cristóbal Álvarez, tamén ás 21:00 horas.
O ciclo chegará a Bertamiráns o venres 24, coa actuación de Pepo Suevos e Adrián do Regenco na Casa da Cultura ás 21:00 horas. O último espectáculo será o domingo 26, en dúas sesións, ás 19:00 e ás 21.00 horas, tamén no auditorio de Bertamiráns, da man de Carlos Blanco. Inicialmente estaba previsto facer unha sesión, pero ante a gran demanda de entradas que houbo, decidiuse ampliar a dous pases.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Quico Cadaval e Antía Costas, no Milladoiro"
Lindeiros: "Hoxe comeza o primeiro ciclo de monólogos de Ames"
La Voz de Galicia: "Carlos Blanco cierra ciclo en Bertamiráns"