Pestanas principais

Chega a Ames a fotógrafa e artista Angélica Dass co seu proxecto "Museo Migrante Migrante en Movemento"

Luns, 13 de abril de 2026

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Benestar Social e Voluntariado, colabora con Cidalia no impulso do proxecto Museo Migrante Migrante en Movemento, unha iniciativa creada e dirixida pola artista visual Angélica Dass, que entende a migración coma unha condición inherente á experiencia humana. MMM recolle historias de movemento a través de obxectos, retratos e relatos. A migración enténdese como unha parte esencial da experiencia humana. Angélica Dass está en Ames ao longo desta semana impartindo obradoiros de memoria e fotografía nos IES de Ames, en Bertamiráns, e no IES do Milladoiro. O venres 17 de abril, ás 18.30 horas, impartirase na Casa da Cultura do Milladoiro a conferencia “A Historia Viva de Ames. Museo das inMigrantes”. Durante as actividades entregaranse exemplares do xornal A Historia Viva de Ames. Museo das inMigrantes, elaborado en 2020.

O Concello de Ames e 7H Cooperativa Cultural volven colaborar nunha nova iniciativa que se está desenvolvendo esta semana no municipio amesán. Desta volta traen a Ames a fotógrafa e artista, Angélica Dass, que chega a Galicia cun novo proxecto: o Museo Migrante Migrante en Movemento (MMM). A través da súa versión en Movemento, o MMM está no concello de Ames desde hoxe ata o 17 de abril. Este proxecto está financiado pola Dirección General de Patrimonio Cultural y Bellas Artes. 

Este proxecto convida á cidadanía a participar no proxecto a través de distintas sesións fotográficas. Nelas, Angélica Dass busca xerar imaxes e recompilar relatos que nutrirán o arquivo dixital común. O MMM xa comezou a súa andaina en Madrid e Murcia e chegará a 10 comunidades, sendo Galicia a seguinte parada. Finalizará a súa viaxe o 18 de decembro, Día Internacional da Persoa Migrante, en La Laguna (Tenerife).

Este museo busca conectar as migracións de todos os tempos a través da creación dun espazo onde as traxectorias das persoas poidan recoñecerse e dialogar desde a dignidade. Para iso resalta a migración como un carácter da humanidade que conforma historias de vida, tanto persoais como familiares, tanto individuais como colectivas. Este lugar, situado nun contedor-museo, expandirase a través dunha web que funcionará como un arquivo dixital. 

O MMM en Ames
Angélica Dass inaugurou a súa presenza en Galicia hoxe luns, 13 de abril, no concello de Ames, onde ofreceu un rolda de prensa na Casa do Concello. De seguido, impartiu un obradoiro de memoria e fotografía no IES de Ames (Bertamiráns) para o alumnado de 1º da ESO. Durante a tarde de hoxe, celebrarase a sesión fotográfica na Casa da Cultura de Bertamiráns. Para participar na sesión de fotos para o Museo Migrante Migrante hai inscribirse previamente. Dita inscrición pode facerse premendo nesta ligazón.

O xoves 16 de abril, volverá de novo, nesta ocasión ao IES de Milladoiro, onde estará ao longo de toda a mañá co alumnado deste centro educativo, ampliando así os talleres que traerá ao concello. Ao día seguinte, o venres 17 de abril pola tarde, trasladará o estudio fotográfico á Casa da Cultura do Milladoiro. Para participar nesta sesión de fotos para o Museo Migrante Migrante tamén é necesario inscribirse previamente. Dita inscrición pode facerse premendo nesta ligazón.

A continuación, o venres 17 ás 18:30 horas, terá lugar a conferencia “A Historia Viva de Ames. Museo das inMigrantes”, na Casa da Cultura do Milladoiro, na que se conversará ao redor deste proxecto de Angélica Dass, 7H Cooperativa Cultural e a comunidade migrante de Ames. Intervirán Angelica Dass, Clara R. Cordeiro, participantes do proxecto, e Leonardo Pena, técnico do Concello de Ames. A conferencia é aberta ata completar o aforo dispoñible.

Presentación do proxecto
A concelleira de Benestar Social e Voluntariado, Uxía García, explicou “trátase dun proxecto que vai a recoller historias de migración de veciños e veciñas que queiran participar con nós neste Museo Migrante Migrante. É un proxecto que imos a levar a cabo con Angélica Dass, que xa estivo en Ames no ano 2020 realizando outro proxecto como foi A Historia Viva de Ames. Museo das inMigrantes, unha publicación realizada colectivamente baixo a dirección de Angélica, a coordinación de 7H Cooperativa Cultural e a participación de once veciñas e veciños do municipio con raíces en Brasil, Colombia, Cuba e Venezuela”.

A fotógrafa e artista, Angélica Dass, destacou “a idea do Museo Migrante Migrante é crear un museo que sexa vivo coas nosas historias migratorias, partindo das definicións da RAE sobre a palabra emigrar que fala de persoas que proceden do exterior, de persoas que cambian de territorio en busca dunha mellor vida dentro do mesmo territorio, e a terceira definición, que é a que máis me gusta, fala de animais e plantas que se moven no territorio. Este é o eixo do que intento facer neste proxecto, recordar que somos un animal máis neste planeta, e que todos temos nas nosas historias familiares algún movemento polo territorio. A través dunha web imos recollendo estas historias de movemento que son parte da nosa historia colectiva. Esta semana en Ames vou estar recollendo relatos, obxectos e retratos que falen destes movementos”.

Por outra banda, Angélica Dass, dixo que este Museo Migrante Migrante “vai a viaxar por dez comunidades autónomas. A partir de maio imos a entrar nunha segunda fase na que poñemos un contedor de barco, que é o lugar onde se van a recoller esas historias. Este contedor vai estar en moitos lugares como Bilbao e Santander e pecharase o percorrido en La Laguna, en Tenerife, coincidindo co día da persoa migrante o 18 de decembro”.

Tamén destacou o traballo realizado no proxecto A Historia Viva de Ames. Museo das inMigrantes. “Foi un proxecto que fixemos pensando na historia migratoria que había aquí. Teño a ilusión de cando rematemos este proxecto poidamos traer a Ames o contedor para poder mostrar todo o traballo feito, xa que para min sería como o peche do ciclo”.

Clara Rodríguez Cordeiro, de 7H Cooperativa Cultural, mostrouse satisfeita por “poder ter a Angélica aquí unha vez máis e poder iniciar o Museo Migrante Migrante en Galicia con esta parada en Ames, porque como quedou patente en 2020, Ames é un concello moi especial que pode presumir de ter moita riqueza e diversidade cultural”.

Pechou a quenda de intervencións, o técnico de integración social, Leonardo Pena, que destacou “desde o ano 2020 temos un traballo feito sobre a historia viva de Ames que imos aproveitar agora para dar a coñecer”. Ademais destacou “a gran acollida que tivo este proxecto por parte dos centros educativos. Dende o primeiro momento dixeron que esta iniciativa lles parecía moi interesante e que querían participar. Tamén nos puxemos en contacto coas persoas que participaron en 2020 no proxecto sobre a historia viva de Ames, e moitas delas confirmaron que van a participar neste novo proxecto porque están con moita ilusión”.

A Historia Viva de Ames. Museo das inMigrantes
En 2020 o Concello de Ames, 7H Cooperativa Cultural e a artista Angélica Dass xa colaboraron para realizar o proxecto: A Historia Viva de Ames. Museo das inMigrantes, unha publicación realizada colectivamente, que contou coa participación de once veciñas e veciños do municipio con raíces en Brasil, Colombia, Cuba e Venezuela. Esta publicación foi editada polo Concello de Ames en colaboración coa Deputación de A Coruña e 7H  Cooperativa Cultural.

O xornal contou cunha edición de máis de 2.500 exemplares, a través do cal se representan as múltiples identidades que constrúen a idiosincrasia de Ames mediante un relato visual construído, como se dunha exposición impresa se tratase, a partir de diferentes imaxes de obxectos, paisaxes, documentos e personaxes. Nelas plásmanse as historias de vida e experiencias cotiás que as persoas implicadas no proxecto compartiron ao longo de diferentes sesións virtuais, celebradas entre novembro e decembro de 2020, coa creadora Angélica Dass, quen deseñou a proposta creativa co obxectivo de reivindicar a riqueza da diferenza e combater a xenofobia.

O resultado son 64 páxinas que convidan a reflexionar sobre os estereotipos arredor do propio e o alleo. Diferentes lembranzas gardadas en arquivos persoais e álbums familiares dialogan coa vida cotiá das persoas participantes, a través de palabras e de instantáneas realizadas por elas mesmas e polo equipo de 7H Cooperativa Cultural, amosando experiencias e saberes compartidos.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Chega a Ames a fotógrafa e artista Angélica Dass co seu proxecto 'Museo Migrante Migrante en Movemento'"

Chega a Ames a fotógrafa e artista Angélica Dass co seu proxecto "Museo Migrante Migrante en Movemento"

Multimedia

  • Chega a Ames a fotógrafa e artista Angélica Dass co seu proxecto "Museo Migrante Migrante en Movemento"
  • Chega a Ames a fotógrafa e artista Angélica Dass co seu proxecto "Museo Migrante Migrante en Movemento"
  • Chega a Ames a fotógrafa e artista Angélica Dass co seu proxecto "Museo Migrante Migrante en Movemento"
  • Chega a Ames a fotógrafa e artista Angélica Dass co seu proxecto "Museo Migrante Migrante en Movemento"
  • Chega a Ames a fotógrafa e artista Angélica Dass co seu proxecto "Museo Migrante Migrante en Movemento"
  • Chega a Ames a fotógrafa e artista Angélica Dass co seu proxecto "Museo Migrante Migrante en Movemento"
  • Chega a Ames a fotógrafa e artista Angélica Dass co seu proxecto "Museo Migrante Migrante en Movemento"
  • Chega a Ames a fotógrafa e artista Angélica Dass co seu proxecto "Museo Migrante Migrante en Movemento"
  • Chega a Ames a fotógrafa e artista Angélica Dass co seu proxecto "Museo Migrante Migrante en Movemento"