Pestanas principais

Charlas e obradoiros no 2016 para converter a Ames nun "Concello Saudable"

Venres, 04 de decembro de 2015

[04-12-2015] Este xoves, 3 de decembro, tivo lugar na Casa do Concello unha reunión para concretar os puntos de actuación que se levarán a cabo no primeiro semestre do 2016 no marco da participación de Ames na Rede de Concellos Saudables. Nesta xuntanza participou o alcalde de Ames, José Miñones, xunto coa concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, o técnico de deportes municipal, o técnico encargado dos programas Amessan, Sanagua e da Oficina de Voluntariado de Ames e a nutricionista municipal. Os tres técnicos serán parte activa na posta en marcha de obradoiros e actividades que se organizarán en torno á promoción dunha vida saudable.

Cómpre lembrar que no pleno ordinario do mes de setembro aprobouse por unanimidade a moción presentada polo grupo municipal de Ames Novo pedindo a adhesión de Ames á Rede de Concellos Saudables. O plan para a participación do concello na Rede consta de dúas fases. A primeira: a recuperación do programa ''Ames saudable''; a segunda: a ampliación do programa con charlas e obradoiros estruturados tanto por franxas de idade como por problemáticas concretas. O asesoramento nutricional e a promoción do deporte son obxectivos transversais en ambas fases.

O programa ''Ames saudable'' engloba tres áreas de actuación: a promoción de hábitos de alimentación equilibrados e saudables, a práctica frecuente de actividades deportivas en todas as idades e a promoción dunha vida saudable a través da detección, prevención e actuación nos casos de drogodependencia. Ademais da organización de actividades, o Concello instalou dous puntos de información nutricional, atendidos pola nutricionista de Ames, un en Bertamiráns e outro no Milladoiro.

A segunda fase, quebusca ampliar os campos de actuación do programa ''Ames saudable'' foi o tema sobre o que se centrou a reunión que tivo lugar este xoves, 3 de decembro, na Casa do Concello. Nesta xuntanza comezouse a planificación das actividades que se desenvolverán en Ames ao longo do primeiro semestre do ano 2016.

As actividades estruturáronse en torno a tres grupos de idade: infancia, mocidade e maiores. Nos dous primeiros casos buscarase ademais o compromiso dos pais e nais e dos clubs deportivos, referentes de moitos rapaces e rapazas. Cos mozos e mozas realizaranse ademais obradoiros e charlas de prevención de consumo de drogas ou alcol. Para a franxa dos maiores o Concello organizará, ademais da promoción de consellos nutricionais, a organización de actividades de envellecemento activo.

Contido relacionado


El Correo Gallego:"Recuperan y amplían el programa Ames Saudable, que aúna deporte y dieta"
La Voz de Galicia:"Programa para el primer semestre del 2016 para un concello saludable"