Pestanas principais

Charla sobre o sono nas persoas maiores no local do JUPEMI esta tarde no Milladoiro

Martes, 26 de abril de 2016

[26-04-2016] Esta tarde, no local da Asociación de Jubilados y Pensionistas de O Milladoiro (JUPEMI), a psicóloga municipal Mónica Antelo impartirá unha charla sobre o sono nas persoas maiores. O local está situado na rúa Figueiras, no Milladoiro, e a charla- aberta e gratuíta- comeza ás 19:30 horas.

Mónica Antelo explicou nunha entrevista a Ames Radio como a dificultade para conciliar o sono polas noites é un motivo de preocupación en moitas persoas maiores. Na charla que da hoxe a psicóloga quere falar co público acerca dos cambios dos ciclos de sono ao longo da vida dunha persoa. Un dos exemplos que menciona para mostrar estes cambios, "naturais en moitos casos", é o cambio do sonos dos nenos e nenas pequenos a medida que medran "pasando de durmir varias veces ao longo do día a facelo unha serie de horas- 6, 7, 8...ou máis dependendo da persoas- continuadas pola noite". Moitas persoas maiores acoden ao médico para pedir explicacións pola súa dificultade para conciliar o sono, "unha dificultade que se explica tamén porque moitas delas dormen de forma intermitente ao longo do día, botando pequenas sestas, e é normal que pola noite non estean tan cansados".

Os ciclos de sono, como explica Mónica Antelo, dependen moito da persoa: "Hai quen precisa oito horas, sendo adulto, hai quen precisa doce. O importante é espertarse despois de durmir e sentirse descansado". O que coloquialmente se definiría como "un sono reparador". A psicóloga ofrecerá tamén algúns consellos para descansar mellor:" Cando non podemos durmir, por exemplo, deberiamos deixar a cama e realizar unha actividade que nos axude a recuperar o cansazo para volver a durmir". Ela mesma admite que os consellos tamén varían de individuo a individuo, tendo en conta que "hai a quen facer exercicio antes de durmir axúdao a descansar mellor, e a quen a actividade física, mesmo pola noite, faino máis activo". Por este motivo a charla o que busca, sobre todo, é tranquilizar ás persoas maiores ensinándolles que "a súa dificultade para durmir non ten sempre que ir acompañada dun problema patolóxico".