[17-11-2016] A Concellaría de Normalización Lingüística de Ames organiza, no marco do programa Apego, a charla “Os/as nenos/as e a lingua, unha oportunidade”. Unha charla-obradoiro conducida por Manuel Núñez Singala, sociolingüista, escritor e director do Servizo de Normalización Lingüística da USC. Esta actividade ofrece aos pais, nais ou educadores e educadoras a debater e falar sobre a educación das crianzas en galego. Terá lugar este venres, 18 de novembro, na Casa da Cultura do Milladoiro, a partir das 18:30 horas.
Que vantaxes ten medrar en galego?, Paga a pena esforzarnos en falarlles en galego aos nosos fillos e fillas?. A estas e a outras preguntar tratará de dar resposta Singala nesta charla-obradoiro, na que falará da importancia da transmisión lingüística. Aínda que, en principio, a charla vai dirixida a nais e pais, presentes ou futuros, está aberta a calquera persoa interesada. A asistencia á charla-obradoiro é de balde.
Esta charla-obradoiro enmárcase dentro do programa Apego, que organiza moitas outras actividades para pequenos e pequenas, como as sesións de contacontos ou os obradoiros mensuais de “Hortas divertidas”.
O programa Apego promove a crianza en galego dos nenos e nenas dende o berce, ofrecendo apoio ás familias con fillos ou fillas que van dende os 0 aos 6 anos. Para inscribirse ou solicitar información as persoas empadroadas en Ames poden contactar coa concellaría de Normalización Lingüística enviando un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal. Na actualidade 23 familias se benefician xa deste programa.




