Pestanas principais

A cervexería Gallaecia leva o premio á mellor tapa da iniciativa “Merca e Tapea”

Xoves, 04 de xullo de 2013

[04-07-2013] A Casa da Cultura do Milladoiro acolleu onte pola tarde o acto de entrega de premios da iniciativa “Merca e Tapea”. O concelleiro de Promoción Económica, Bernardo Moar, e a presidenta da Asociación de Empresarios, Comerciantes e Profesionais do Milladoiro, Dolores Mella, foron os encargados de entregar os premios. “Merca e Tapea” desenvolveuse no Milladoiro entre o 10 e o 16 de xuño. A través desta iniciativa, os comercios do Milladoiro ofreceron importantes descontos, mentres que os locais hostaleiros ofreceron saborosas tapas ao módico prezo de 1,50 euros. Con esta actuación pretendeuse impulsar o sector hostaleiro e comercial local.

A iniciativa “Merca e Tapea” estivo divida en dúas partes. Por unha banda, desenvolveuse o evento “Merca”, con descontos e promocións nas tendas, e por outra parte realizouse a ruta de tapas denominada “Tapea”. O evento “Merca” tivo lugar do 10 ao 15 de xuño e nel colaboraron 52 comercios do Milladoiro, que ofreceron descontos e promocións nos seus produtos.

O concelleiro de Promoción Económica, Bernardo Moar, e a presidenta da Asociación de Empresarios, Comerciantes e Profesionais do Milladoiro, Dolores Mella, foron os encargados de entregarlle os premios a todos os clientes que saíron agraciados no sorteo. Cómpre destacar que un dos mellores agasallos que se sortearon foi un televisión de 32 pulgadas por xentileza de TIEN 21- Angueira.

Ademais deste premio sorteáronse moitos máis como vales de lavado, corte e peiteado; un mes de clases de pintura; unha cesta de froita; un tratamento facial, etc. Para participar no sorteo de agasallos houbo que realizar algunha compra nos comercios adheridos ao evento “Merca” ou completar o libriño da ruta das tapas “Tapea”.

Pola outra banda, o evento “Tapea” tivo lugar do xoves 13 ao domingo 16 de xuño e nel colaboraron 14 establecementos hostaleiros. O custe do petisco foi de 1,50 euros. Unha vez contabilizados os votos da clientela deuse a coñecer o nome dos tres establecementos gañadores. A Cervexería Gallaecia levou o primeiro premio pola tapa “Pemento de padrón recheo de queixo e xamón aderezado”. O segundo premio foi para o Café-Bar El Pilón gracias á tapa de “Muslitos recheos”. Mentres que o terceiro premio recaeu na Cafetería Euro 2001 pola tapa “Tosta con queixo de cabra e cebola caramelizada”.

O concelleiro de Promoción Económica, Bernardo Moar, agradeceu o esforzo da Asociación de Empresarios, Comerciantes e Profesionais do Milladoiro por poñer en marcha esta novidosa iniciativa. Ademais, Moar, engadiu que “a través desta iniciativa demostrouse que comercio e hostalaría poden ir da man co obxectivo de impulsar e dinamizar o tecido empresarial do Milladoiro”. O concelleiro de Promoción Económica rematou dicindo “esperemos que esta iniciativa se volva a repetir o próximo ano e que saía igual de ben”.