Pestanas principais

A Cervexaría Galway gaña o primeiro premio da V Festa das Tapas do Milladoiro

Luns, 23 de abril de 2012

[23-04-2012] A quinta edición da Festa das Tapas rematou cun notable éxito de participación e cunha gran satisfacción entre todos os establecementos que participaron neste evento gastronómico. Este ano incrementouse o número de establecementos participantes e un total de 14 locais ofreceron 28 tapas diferentes a un prezo de tres euros cada unha. Tras dous días de tapas e moita animación na rúa o xurado decidiu que os 200 euros, canxeables en vales de compra nos comercios do Milladoiro, debían recaer na Cervexaría Galway. As tapas que ofreceu este establecemento eran un chupito de Camemberg e langostinos; e chipiróns recheos de cogomelos e gambas sobre crema de espárragos e xamón espoldrexado. Ademais sorteáronse catro cenas entre todos as persoas que participaron na Ruta das Tapas. Os premios das ceas recaeron en Rocío Dios, que consumirá o seu premio na Tapería Xebre, Rosalía Vázquez, que degustará a súa cea no Mesón O Trasno, Javier Fraguela, consumirá o premio no bar Entre vinos y tapas, e María José González, que canxeará o seu premio na Cervexería Curmáns.

Elección da mellor tapa

Para agradecer a implicación dos 14 establecementos que participaron na V Festa das Tapas a organización premiou a mellor tapa cun vale de 200 euros, que se poderá trocar nos establecementos comerciais do Milladoiro, ademais dun cadro de honra no que quedará constancia do recoñecemento.

Valorando a mellor creación, baixo os criterio de presencia, creatividade, elaboración, servizo e relación calidade-cantidade, nesta edición o xurado outorgoulle o premio de 200 euros á Cervexaría Galway, que lle ofreceu aos seus clientes un chupito de Camemberg e langostinos; e chipiróns recheos de cogomelos e gambas sobre crema de espárragos e xamón espoldrexado.

O xurado estivo composto por dous profesionais en activo con ampla experiencia profesional e titulados en hostalaría, na especialidade de cociña na Escola Compostela. Estes profesionais elixiron a tapa gañadora despois de percorrer de forma anónima os 14 establecementos incluídos na Ruta das Tapas. Para tomar esta difícil decisión, o xurado tivo en conta tanto o nivel culinario das propostas como a atención e a calidade do servizo ao cliente.

Pola súa banda, os clientes que participen nesta celebración recibiron un ticket para optar a un sorteo de 4 ceas nos locais da V Festa das Tapas. Os premios das ceas recaeron en Rocío Dios, que consumirá o seu premio na Tapería Xebre, Rosalía Vázquez, que degustará a súa cea no Mesón O Trasno, Javier Fraguela, consumirá o premio no bar Entre vinos y tapas, e María José González, que canxeará o seu premio na Cervexería Curmáns.

Dende a Asociación Cultural A Madalena agradécenlle a todos os veciños/as a súa colaboración neste evento e sobre todo a participación nestas dúas xornadas de degustación de tapas. Tamén lle agradecen aos veciños/as a súa colaboración para retirar os seus vehículos do aparcadoiro do Agro do Medio, onde se instalou o campo da festa e se celebraron as verbenas e se instalaron diferentes atraccións de feira para os máis pequenos.


Os establecementos hostaleiros do Milladoiro ofreceron ao longo da pasada fin de semana a posibilidade de saborear por un prezo de tres euros un total de 28 tapas diferentes. A través desta iniciativa déronse a coñecer as bases da cociña dos diferentes locais de hostalaría amiense. Este evento gastronómico estivo organizado pola Asociación Cultural A Madalena en colaboración co Concello de Ames. Este ano, gracias a o traballo da Concellaría de Promoción Económica, incrementouse ata 14 o número de establecementos participantes.

O concelleiro de Comercio, Promoción Económica, Traballo, Turismo e Educación, Bernardo Moar, destacou “a gran participación de público que asistiu a Festa das Tapas tanto na xornada do sábado coma na do domingo. Este ano marcámonos como obxectivo darlle un maior protagonismo á oferta gastronómica nos propios locais do Milladoiro. Nesta edición participaron un total de 14 establecemento, pero agardamos que en vindeiras edición sigan incrementando os locais que participan neste evento gastronómico”.

Bernardo Moar tamén incidiu en que “a Festa das Tapas serviu para demostrar a gran calidade coa que conta a hostalaría do Milladoiro. Agardamos poder seguir organizando esta festa de cara aos vindeiros anos para promocionar e potenciar os establecementos hostaleiros desta localidade”.