Pestanas principais

Centos de persoas recibiron en Ames aos Reis Magos, que percorreron as rúas en tren

Sábado, 05 de xaneiro de 2013

[05-01-2013] Os nenos e nenas de Ames recibiron esta tarde a visita máis agardada durante todo o ano, a dos Reis Magos. As súas maxestades chegaron a Ames en tren, xa que os camelos estaban moi fatigados trala longa viaxe que fixeron dende Oriente e quedaron repoñendo forzas. A primeira parada que fixeron foi no pavillón do Milladoiro ás 17:30 horas. Unha hora máis tarde, ás 18:30 horas, estiveron no pavillón de Bertamiráns. Previamente, recorreron en tren as rúas do Milladoiro e de Bertamiráns. As súas Maxestades estiveron acompañadas por paxes reais e atenderon as peticións de todos os nenos e nenas. Tanto en Bertamiráns coma en Milladoiro centos de persoas estiveron nos pavillóns para ver a chegada dos Magos de Oriente.


Intervención do Rei Melchor
No nome das súas Maxestades falou o rei Melchor, que agradeceu a hospitalidade dos amienses e explicou “intentaremos compensar o voso entusiasmo desta tarde cos agasallos que, con moito agarimo, vos traemos de Oriente. Lemos con detemento as vosas cartas e procuramos vir con todo o que nos pedistes, pero teredes que ser comprensivos se nos equivocamos ou esquecemos algo: sodes moitos nenos, e nosoutros, aínda que magos, só somos tres pobres Reis”.

Ademais, os Magos de Oriente incidiron en que os agasallos máis importantes “son os que, ao longo do ano, vos fan os vosos avós, os vosos papás e mamás, os vosos amigos e amigas, os vosos mestres e mestras: o seu tempo, o seu cariño, a lingua galega que gardaron para vós... eses agasallos son auténticos tesouros que vos axudan a medrar seguros e felices e que vos han durar toda a vida. Seguro que vós saberedes agradecelos, coidalos e compartilos”.

As súas maxestades tamén lle entregaron os premio aos gañadores e gañadoras do VI Concurso de cartas aos Reis Magos. A animación e a música tradicional a cargo do grupo Os Castros tamén estiveron presentes na recepción dos Magos de Oriente.


Un ano máis os Reis Magos pasaron polo Concello de Ames antes de comezar unha noite de moito traballo na que repartirán regalos aos nenos e nenas de todo o mundo. A recepción real foi nos pavillóns de Milladoiro e Bertamiráns e os Magos de Oriente estiveron acompañados de paxes e comparsas que repartiron caramelos e ilusión entre todos os nenos e nenas. Repartíronse 224 quilos de caramelos sen glute aptos para os nenos e nenas que son celíacos e as comparsas reais estiveron compostas por un total de 22 paxes.

Antes das recepcións, os Reis Magos pasearon en tren polas rúas do Milladoiro e de Bertamiráns saudando a nenos/as e adultos, así como dándolle a caramelos a todas aquelas persoas que estaban nas rúas destas localidades. Sen dúbida esta é unha das citas anuais que máis agardan os máis pequenos da casa.

Os Reis Magos foron recibidos polas autoridades do Concello de Ames, entre as que se atopaba o alcalde, Santiago Amor. O rexedor municipal agradeceu en nome do Concello de Ames a visita que os Reis Magos lle fixeron aos nenos e nenas das localidades do Milladoiro e de Bertamiráns. Santiago Amor agradeceu tamén a pais, nais, avós, tíos e tías que manteñan a ilusión de acompañar aos nenos a ver os Reis Magos porque “é unha bonita tradición que hai que manter”.

O rexedor comunicoulle aos Reis Magos que “este ano os nenos e nenas de Ames portáronse moi ben, facendo caso aos seus pais e nais”. Con todo, o alcalde animou aos rapaces e rapazas “a seguir co mesmo comportamento este ano, para que no vindeiro Nadal poidamos transmitirllo de novo aos Reis”. Santiago Amor convidou aos pais e nais “a seguir mantendo a ilusión, para así poder transmitirlla aos nosos fillos”.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "Centos de persoas recibiron en Ames aos Reis Magos, que percorreron as rúas en tren"
El Correo Gallego: "Los Reyes Magos recorrieron Terras para desbordar con regalos a los niños"