[24-04-2017] A praza do Concello de Ames acolleu este sábado, 22 de abril, a celebración do Día do Libro. Durante toda a tarde desenvolveuse a iniciativa “Literatura na praza”, cun programa que contou con máis dunha ducia de actividades en torno á presentación do libro do XIII Certame Literario do Concello de Ames. Os actos comezaron ás 17:00 horas e incluíron propostas para todas as idades. O concelleiro de Educación e Cultura destacou a gran participación de familias neste evento que xuntou a un gran número de veciños e veciñas creando un gran ambiente co fin de poñer en valor a cultura e maila lectura.






O Concello de Ames celebrou este pasado sábado un acto para conmemorar o Día internacional do Libro. As actividades comezaron ás 17:00 horas coa presentación do libro do XIII Certame Literario do Concello de Ames, que reúne os tres traballos finalistas de cada unha das categorías do certame celebrado o ano pasado, tanto en prosa como en verso. Ao mesmo tempo, os máis cativos e cativas tiveron a oportunidade de participar nun obradoiro de medio ambiente para elaborar sales aromáticas de baño e cociña. A través desta actividade os nenos e nenas coñeceron o uso que se lle pode dar a diferentes plantas aromáticas. Dende as cinco da tarde, os rapaces e rapazas tamén puideron gozar do espectáculo teatral A mestra Tomasa lendo e viaxando polo mundo, que representou a compañía Duende Sico.
O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, destacou o gran ambiente que houbo en todas as actividades e espectáculos que se desenvolveron ao longo da tarde do sábado e que se enmarcaron na iniciativa de Literatura na praza. “Este evento tivo unha magnífica acollida entre a veciñanza amesá e houbo unha gran participación en todas as actividades programadas. A valoración é moi positiva. Neste caso púxose de manifesto a transversalidade da área de cultura xa que esta iniciativa favoreceu a outros sectores como pode ser o da hostalería. A través deste evento intentamos poñer en valor a cultura e maila lectura”.
O público asistente tamén puido gozar do espectáculo de narración oral e monicreques, Pastoreando Alegrías, de Carmen Domech, ou do espectáculo de Hector Lorenzo, que cantou varios dos poemas musicados que se inclúen no libro Cousas de papa. Ademais, o grupo Palabras Vivas fixo un recital poético con lecturas dramatizadas da obra de Neira Vilas e os membros de Duende Sico impartiron un obradoiro de elaboración de marcapáxinas e decoración de axendas e lapis. Por último, María Faltri realizou un espectáculo no que o público puido bailar e cantar.
Durante toda a tarde, as librarías Nenos Nais; Boas e Novas; Pedreira; e Follas Novas realizaron unha exposición de libros e fixeron descontos aos clientes que asistiron a esta festa do libro. Asemade as bibliotecas municipais montaron un Recanto da lectura e promoveron o intercambio de libros entre os asistentes. Cómpre salientar a boa acollida desta iniciativa xa que arredor de 90 familias participaron no intercambio de libros. Ao longo da pasada semana tamén se realizou unha solta de libros por diferentes espazos e locais municipais.





