Pestanas principais

Centos de persoas gozaron da décimo segunda edición do festival MILLA rock

Luns, 03 de xullo de 2023

A localidade do Milladoiro foi escenario o pasado venres, 30 de xuño, da décimo segunda edición do festival Millarock, un punto de encontro para os amantes da música que se consolida como unha das iniciativas máis lonxevas e exitosas do departamento de Cultura do Concello de Ames. O festival continúa apostando por bandas emerxentes en combinación con outras máis consolidadas, por unha ampla presenza feminina e polo uso do galego nos temas interpretados sobre as táboas.  No montaxe e a loxística participaron un total de 17 empresas, a maioría radicadas en Ames. Esta edición foi acollida por un público moi entregado, de diversas idades e gustos musicais. Premendo nesta ligazón podes decargar unha galería de imaxes do Millarock.

Un ano máis, a festa do rock no Milladoiro converteuse en todo un éxito. O aparcadoiro da Travesía do Porto chegou a congregar a 1.500 persoas, que gozaron das catro propostas musicais do MILLA rock nunha xornada marcada polo ambiente festivo e o bo tempo, que acompañou durante toda a noite.

Esta edición do festival caracterizouse por renovar o seu formato, pero introducindo algunhas novidades. A Concellaría de Cultura apostou por incorporar estilos que van máis aló do rock. Deste xeito, o cartel da duodécima edición expandiuse, e os asistentes gozaron de sons máis modernos, de indie, de rap... e, en xeral, de música homoxénea e reivindicativa adaptada aos novos tempos e sensibilidades.

O festival deu comezo ás 21:00 horas, coa actuación de Fillas de Cassandra, un dos grupos da nova música emerxente máis prometedor do panorama galego. A banda ofreceu un concerto marcado pola recuperación das melodías tradicionais e a creación de novas líricas, inspiradas no canto de tradición oral pero tamén influenciadas polo pop, a electrónica e a música clásica. Ademais, invitaron ao escenario a Xiana Lastra, integrante doutro dos grupos do cartaz, A banda da loba, a interpretar un dos seus temas.

Xa ás 22:15 horas subíronse ás táboas Las ninyas de Cassandra, un dúo catalán que aposta por cancións combativas e mensaxes contundentes, inspiradas no rap underground. A dupla caracterízase polas súas comprometidas letras, nas que teñen cabida o empoderamento, a crítica e as vivencias persoais.

A terceira quenda foi para A banda da loba, a formación integrada por mulleres que mestura, ademais de rock, ritmos de pop, blues e flok, creando sons propios.

A continuación tocaron Eladio y los Seres Queridos, unha das bandas máis consolidadas do panorama galego. Os seus temas, escritos por Eladio Santos, líder do grupo, van dende o pop máis clásico ata sons indies, folk, canción de autor, e, por suposto, rock. A banda foi a encargada de pechar o festival.

O alcalde de Ames e actual responsable de Cultura, Blas García, valora positivamente esta edición, así como o cambio de data e de localización do evento con respecto a anteriores anos; e apunta que “nas vindeiras semanas farase unha valoración conxunta do festival para comezar a traballar na edición do 2024 e valorar posibles cambios de cara ao vindeiro MILLA rock, unha iniciativa xa consolidada que precisa dalgunhas adaptacións aos novos eventos deste tipo”.

Novas relacionadas:

AMS GO!: "MillaRock cumpre 12 edicións en plena forma"

Público do Millarock 2023

Multimedia

  • Eladio y los seres queridos
  • Fillas de Cassandra e Xiana, do grupo A banda da loba
  • Las ninyas del corro
  • Centos de persoas gozaron da décimo segundo edición do festival MILLA rock