Pestanas principais

Centos de persoas gozaron coas preto de 40 actividades que formaron parte da programación cultural e deportiva deste Nadal

Luns, 07 de xaneiro de 2013

[07-01-2013] Este sábado pasado púxose fin a programación cultural e deportiva que preparou o Concello de Ames para este Nadal. A cabalgata de reis que se desenvolveu nas localidades do Milladoiro e de Bertamiráns foi a última actividade que se realizou dentro desta programación. Entre o 14 de decembro e o 5 de xaneiro desenvolvéronse preto de 40 actividades pensadas para toda a familia, desde os máis pequenos da casa ata os maiores. Os amienses puideron gozar dunha ampla programación de cine, obradoiros, música, deporte, espectáculos de maxia, etc. Tamén se celebraron varias actividades solidarias como o partido solidario de fútbol e a cuarta edición do partido benéfico de baloncesto Concello de Ames. O alcalde de Ames, Santiago Amor, fixo un balance positivo da programación de Nadal, que ofreceu preto de 40 actividades pensadas para todos os públicos. O rexedor subliñou que, pese a actual situación económica, o Concello deseñou un amplo programa de actos, que se caracterizou por ser "variado e de moita calidade".

No seu balance, o alcalde fixo fincapé na boa acollida que tiveron as iniciativas musicais, de cine e as dirixidas de xeito específico aos nenos e maiores. Así mesmo, destacou o compoñente solidario de varias das iniciativas, xa que o Concello tamén pensou naquelas familias que están a sufrir máis a crise.  Santiago Amor lembrou que “o obxectivo principal desta campaña era xerar ilusión, implicando na programación a todos os veciños e veciñas de Ames”. O rexedor agradeceu, ademais, o esforzo levado a cabo polos diferentes departamentos municipais e traballadores, que fixeron posible coa súa implicación levar adiante esta campaña de Nadal.

As actividades enmarcadas dentro desta programación comezaron o pasado 14 de decembro co acto de acendido da iluminación de Nadal. A encargada de pulsar o botón mediante o que se acenderon as luces foi Sara Casuso Mosquera, unha das nenas gañadoras do concurso de cartas aos Reis Magos do pasado Nadal. Despois, actuou o coro infantil da Escola Municipal de Música de Ames (EMMA), que cantou dúas panxoliñas tituladas Viva, viva! e No Nadal. Neste acto fíxose entrega dos premios da Festa do Comercio e do Roteiro dos Petiscos. Ademais, entregóuselle un galardón ao establecemento que recibiu máis votos entre as persoas participantes no Roteiro dos Petiscos.

VII Festival de Maxia Concello de Ames

Durante o sábado 14 e o domingo 15 de decembro desenvolveuse no Milladoiro e en Bertamiráns respectivamente, o VII Festival de Maxia Concello de Ames. Calcúlase que a este festival de maxia asistiron máis de 500 persoas. Esta actividade organizada pola concellaría de Cultura achegou á cidadanía amiense o espectacular mundo dos magos. Seis ilusionistas nacionais e internacionais sorprenderon e entretiveron a adultos e nenos/as cos seus trucos de maxia. Nos obradoiros impartidos polo mago Charly participaron un total de 42 rapaces e rapazas, mentres que ás Galas Máxicas asistiron 366 persoas. Polas carpas do misterio, que estiveron instaladas na rúa, calcúlase que pasaron máis de 100 nenos/as e adultos.

Outra das actividades que espertou un gran interese entre os máis pequenos foi o obradoiro de elaboración de postais ecolóxicas de Nadal, que se desenvolveu o luns 17 na biblioteca municipal de Bertamiráns e o martes 18 de decembro na biblioteca do Milladoiro. Nesta actividade, que estivo dirixida aos rapaces e rapazas de entre 6 e 12 anos, calcúlase que participaron arredor de 50 nenos/as. En ambos casos esta actividade estivo impartida pola técnica responsable da Aula da Natureza.

Cine, música e baile
Durante este Nadal proxectouse en Ames o filme galego O Apóstolo, a primeira película europea de stop motion rodada en 3D estereoscópico. A película, dirixida por Fernando Cortizo e recomendada para maiores de 7 anos, foi recoñecida en festivais internacionais e estreada o pasado 31 de outubro.  A programación de Nadal de Ames tamén incluíu proxeccións de cine infantil. Deste xeito, os nenos e nenas puideron ver as películas Pinocchio 3000 e O Bosque Animado. Ademais, tamén se proxectou a película Enrugas, baseada no cómic de Paco Roca.

Durante as festas de Nadal, os amienses tamén puideron gozar de música e danza. Un dos concertos que máis interese espertou entre a veciñanza de Ames foi o Festival de Nadal de Corais. Unha boa mostra disto foi que se encheron as 216 butacas do auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. Neste concerto participaron as corais de Bugallido, Piñeiro, Coral de Ames, Coral Lojo Batalla de Tapia, Coral Nosa Señora do Corpiño de Oca e Coral Polifónica de Luou. Este concerto tivo un grande éxito. Outro dos concertos que tivo un grande éxito foi o que ofreceu a Escolanía da Catedral de Santiago de Compostela no Milladoiro. Neste caso tamén se encheron as 150 butacas das que dispón o auditorio da casa da cultura desta localidade.

Tamén houbo actividades familiares como o espectáculo de danza Baleadas que puxo en escena a compañía Traspediante na Casa da Cultura de Bertamiráns. Outra actividade que de desenvolveu neste mesmo espazo foi o espectáculo musical Xa me tardan eses Magos, de Mamá Cabra. Estes dous espectáculos tamén espertaron o interese dos nenos e nenas que encheron o auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns.

Por outra banda, no Milladoiro os nenos/as e as súas familias puideron gozar dun obradoiro no que os músicos Pablo Díaz e Olga Kirk cantaron varias cancións de forma conxunta con todos os asistentes. Neste caso a sala de usos múltiples da Casa da Cultura do Milladoiro acolleu o obradoiro Cantámosche os Reis, que é unha iniciativa posta en marcha pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística. O obradoiro contou coa presenza do alcalde de Ames, Santiago Amor, a concelleira de Cultura, María Eugenia Martín, o concelleiro de Educación, Bernardo Moar, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.

Actividades dirixidas aos maiores
Pero tamén houbo actividades dirixidas aos maiores, xa que se organizaron dous bailes para eles que tiveron un importante éxito. Deste xeito, a Concellaría de Servizos Sociais, Familia, Dependencia e Maiores organizou no Milladoiro un baile dirixido a todos os maiores do municipio. Con esta actividade conmemorouse a celebración do 2012 como Ano europeo do envellecemento activo e saudable no marco dunha sociedade para todas as idades. 

Ademais, para as persoas maiores tamén se organizou no pavillón polideportivo de Bertamiráns unha actividade que combinou baile e chocolate con rosca ao que asistiron preto de 300 persoas. O baile, organizado pola Concellería de Atención e Mediación Veciñal, contou coa actuación musical de Miguel Torres e Luís Rey, que amenizaron a tarde.

Iniciativas solidarias
No ámbito deportivo organizáronse dous partidos que tiveron como obxectivo recadar diñeiro e xoguetes para que os nenos e nenas con menos recursos tivesen un agasallo o día de Reis. Por unha banda celebrouse un partido de fútbol que enfrontou a un equipo formado por xogadores do Bertamiráns FC e do Milladoiro SD contra outro equipo de famosos. Ademais, o pavillón polideportivo de Bertamiráns acolleu o IV partido benéfico de baloncesto Concello de Ames ao que asistiron arredor de 300 persoas. O XL Milladoiro mediuse contra un equipo composto por persoas famosas e ex-xogadores da ACB.

Cabalgata de Reis

As actividades culturais da programación de Nadal remataron o sábado pasado coa celebración da cabalgata de Reis. As súas maxestades chegaron a Ames en tren, xa que os camelos estaban moi fatigados trala longa viaxe que fixeron dende Oriente e quedaron repoñendo forzas. A primeira parada que fixeron foi no pavillón do Milladoiro ás 17:30 horas. Unha hora máis tarde, ás 18:30 horas, estiveron no pavillón de Bertamiráns. Previamente, recorreron en tren as rúas do Milladoiro e de Bertamiráns. As súas Maxestades estiveron acompañadas por paxes reais e atenderon as peticións de todos os nenos e nenas. Tanto en Bertamiráns coma en Milladoiro centos de persoas estiveron nos pavillóns para ver a chegada dos Magos de Oriente.



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "El ejecutivo amiense valora de forma positiva la asistencia de público a los actos del Nadal"
El Correo Gallego: "Cuarenta actividades para cientos de vecinos de Ames durante las celebraciones"