Pestanas principais

Centos de persoas achegáronse á Casa da Cultura do Milladoiro e á Casa do Concello en Bertamiráns para recibir aos Reis Magos

Martes, 05 de xaneiro de 2016

[05-01-2016] Ames recibiu esta tarde a visita máis agardada polos nenos e nenas ao longo de todo ano: a dos Reis Magos. A pesar de que o tempo non acompañou moito e nalgún momento houbo que resgardarse da choiva, os Reis Magos percorreron en carroza as rúas de Bertamiráns e do Milladoiro. Acompañando a comitiva real desfilaron 20 figurantes que puxeron música e animación á Cabalgata Real. Ademais, repartíranse 300 quilos de caramelos sen glute. Este ano, como novidade, a recepción aos Reis Magos realizouse na Casa da Cultura do Milladoiro e na Casa do Concello, en Bertamiráns.


Entrega de premios do Concurso de Cartas de Nadal
As súas maxestades tamén lle entregaron os premios aos gañadores e gañadoras do Concurso de cartas de Nadal, que este ano puxeron en marcha de forma conxunta os Concello de Ames, Teo e Santiago, a través das áreas de Normalización Lingüística de cada concello. A iniciativa, baixo o lema 'Este Nadal...cultívao a diario!' pretendeu animar a nenos e nenas a encher de contidos as cartas que escriben pedindo os seus agasallos de Nadal. O Concello de Ames leva xa nove anos desenvolvendo este programa en colaboración cos centros de ensino de educación infantil e primaria.

No Milladoiro, os premiados foron Yago Bouzas Durán, Lorena Iglesias Brea e Silas Brian Balboa de Andrade. Os tres alumnos/as están escolarizados na EEI do Milladoiro. Ademais, o xurado decidiu outorgar unha mención especial para as cartas colectivas que enviaron desde a Escola Infantil Municipal A Madalena. En Bertamiráns, os gañadores/as foron Martín Fernández Montañés, do CEIP Agro do Muíño; Alberte Carballo Fernández, do CEIP A Maía; e Nadir Moreira Gómez, do CEIP de Barouta.

Acróbatas, malabaristas e un grupo de percusionistas puxeron música e animaron o desfile que realizaron os Reis Magos polas rúas do Milladoiro e de Bertamiráns. En primeiro lugar, Melchor, Gaspar e Baltasar desfilaron polas rúas do Milladoiro, onde ás 18:00 horas, chegaron á Casa da Cultura do Milladoiro para ser recibidos por centros de nenos e nenas acompañados dos seus pais/ nais e familiares.

De seguido, a comitiva real trasladouse a Bertamiráns para desfilar polas rúas desta localidade amesá. Neste caso, a recepción real realizouse, ás 20:00 horas, na entrada da Casa do Concello, onde tamén había un gran número de nenos/as e adultos agardando as súas Maxestades. Tanto no Milladoiro como en Bertamiráns, os Reis Magos foron recibidos pola corporación municipal encabezada polo alcalde de Ames, José Miñones, que lle deu a benvida a Melchor, Gaspar e Baltasar.

O rexedor municipal pediulle aos Reis Magos saúde, traballo e unha pouca de sorte para todos os amesáns e as amesás de cara ao ano que acaba de comezar. Trala intervención do alcalde, tomou a palabra Melchor que lle dedicou unhas palabras a todos os nenos e nenas de Ames antes de comezar co reparto de agasallos que farán esta noite. Tras estas intencións as súas Maxestades recibiron a todos os cativos e cativas no interior da Casa da Cultura do Milladoiro e no salón de plenos da Casa do Concello.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Las cabalgatas del área metropolitana reúnen a miles de personas"
El Correo Gallego: "Los Reyes Magos vencen al temporal para repartir ilusión"