[05-01-2017] Ames recibiu esta tarde a visita máis agardada polos nenos e nenas ao longo de todo ano: a dos Reis Magos. Melchor, Gaspar e Baltasar pasaron por Ames para saudar a todos os rapaces e rapazas e darlles caramelos e algunha que outra sorpresa. Para recibir as súas Maxestades de Oriente o Concello de Ames preparou unha gran festa nos pavillóns polideportivos do Milladoiro e Bertamiráns, aos que acudiron centos de familias. Foi unha recepción real cun gran espectáculo de luz e son e que contou con varias actuacións sorpresa que arrincaron os aplausos de pequenos e maiores. Máis de 90 minutos de entretemento a cuberto no que tamén se entregaron os premios do concurso de cartas de Nadal.
Espectáculos de danza, acrobacias, baile, soños e ilusión mesturáronse na tarde do xoves en Ames para ofrecerlle aos nenos e nenas do concello unha xornada inesquecible. A visita dos Reis Magos a Ames encheu os pavillóns do Milladoiro e Bertamiráns de centos de nenos e nenas que aproveitaron a ocasión para achergarse ás suas maxestades. Antes de sentarse con eles, as familias puideron gozar dos espectáculos de danza e acrobacias que os Reis Magos trouxeron desde Oriente. Ademais, moitos dos asistentes aproveitaron a ocasión para fotografarse nun photocall iluminado que se instalou en cada un dos pavillóns e, ao final do acto, serviuse chocolate e rosca para todos os veciños e veciñas que acudiron aos pavillóns polideportivos.
Os Reis Magos foron recibidos polo alcalde de Ames, José Miñones, que lle deu a benvida a Melchor, Gaspar e Baltasar. O rexedor municipal pediulle aos Reis Magos saúde e traballo para todos os amesáns e as amesás de cara ao ano que acaba de comezar. Trala intervención do alcalde, tomou a palabra Melchor que lle dedicou unhas palabras a todos os nenos e nenas de Ames antes de comezar co reparto de agasallos que farán esta noite. Tamén falaron Gaspar e Baltasar. As súas maxestades falaron da necesidade de insistir para que os soños se fagan realidade, de construír un mundo mellor e que nunca se perda a ilusión. Tras estas intencións as súas Maxestades recibiron a todos os cativos e cativas que se deron cita nos pavillóns polideportivos do Milladoiro e Bertamiráns.
Entrega de premios do Concurso de Cartas de Nadal
As súas maxestades tamén lle entregaron os premios aos gañadores e gañadoras do Concurso de cartas de Nadal, que este ano puxeron en marcha de forma conxunta os Concello de Ames, Teo e Santiago, a través das áreas de Normalización Lingüística de cada concello. No Milladoiro, os premiados foron a Aula 4C da Escola Infantil do Milladoiro, que fixo unha carta conxunta, Yago Bouzas Durán, do CEP de Ventín, e Miguel Bautista Vaquero, do colexio San Jorge de Santiago. En Bertamiráns, os gañadores/as foron Carmela e Icía Velasco Cures, do CEIP Agro do Muíño; Lucas Pena Carracedo, do CEIP A Maía; e Nadir Moreira Gómez, do CEIP de Barouta.











