Pestanas principais

Centos de nenos e nenas recibiron en Ames aos Reis Magos, que chegaron a Bertamiráns e O Milladoiro en tren desafiando ao vento e á chuvia

Domingo, 05 de xaneiro de 2014

[05-01-2014] Ames recibiu esta tarde a visita máis agardada polos nenos e nenas ao longo de todo ano: a dos Reis Magos. A pesar do vento e da chuvia, un tren guiou ás maxestades de Oriente polo municipio. Un ano máis, os Reis elixiron este medio de transporte para estar cos máis pequenos de Ames, mentres os camelos quedaron repousando dunha longa viaxe.


Nesta ocasión, ademais das sorpresas habituais desta noite máxica, os Reis Magos pensaron nun regalo que podería gustar a todos:o idioma. Así, o rei Melchor explicou que “para Ames trouxemos o saco do galego, o idioma que vos fai especiais e diferentes”. “Deixarémolo nas vosas casas para que o compartades co mundo enteiro e para que entre todos construamos un mundo mellor”, engadiu.

As súas maxestades tamén lle entregaron os premios aos gañadores e gañadoras do VII Concurso de cartas aos Reis Magos. A animación e a música tradicional a cargo do grupo Os Castros tamén estiveron presentes na recepción dos Magos de Oriente.

Ademais, nos pavillóns, os nenos e nenas de Ames atopáronse con moitas novidades que de seguro fixeron que a visita dos Reis Magos deste 2014 fose aínda máis especial. Para conseguir que os rapaces e rapazas gozasen en maior medida do paso das Maxestades de Oriente por Ames a recepción contou cunha mellor iluminación e sonido, que fixo da visita un momento inesquecible para todos. Deste xeito, dotouse aos pavillóns de distintos elementos de iluminación e sonido entre os que destacan luces de cabezas móbiles, cambiadores de color, canóns de seguimento, máquinas de fume e un completo sistema de sonido.

Nos pavillóns de Milladoiro e Bertamiráns, os Reis Magos foron recibidos polas autoridades do Concello de Ames, entre as que se atopaba o alcalde, Santiago Amor. O rexedor municipal agradeceu en nome do Concello de Ames a visita que os Reis Magos lle fixeron aos nenos e nenas das localidades do Milladoiro e de Bertamiráns. Santiago Amor comunicoulle ás maxestades de Oriente que “os máis pequenos de Ames foron moi bos ao longo de todo o ano, estudando, comportándose ben no colexio e facendo caso aos seus pais e nais nas súas casas”. O alcalde pideulle aos Reis Magos que se acordasen de todos os nenos e nenas, para que todos puidesen gozar da maxia desta noite.

Intervención do Rei Melchor
No nome das súas Maxestades falou o rei Melchor, que comezou a súa intervención “agradecendo a fermosa benvida que nos estades a dar en Ames”. Melchor avanzoulle aos nenos e nenas que “acabamos de chegar de Oriente cos sacos cheos de sorpresas e agasallos e non traemos carbón”.

A primeira parada da cabalgata foi ás 17:30 horas no pavillón do Milladoiro. Unha hora despois, os Reis Magos chegaban a Bertamiráns acompañados dunha numerosa comitiva. Con anterioridade, as maxestades de Oriente e os seus acompañantes fixeron un percorrido polas rúas, saudando ás persoas que os agardaban nas beirrarúas e repartindo caramelos. En total, as comitivas reais estiveron compostas por un total de 26 paxes, que repartiron 224 quilos de caramelos sen glute glute aptos para os nenos e nenas que son celíacos. A tradicional visita dos Reis Magos a Ames na noite do 5 de xaneiro reuniu a centos de persoas, adultos e nenos, nos pavillóns.

Aínda que se trata dunha noite de moitísimo traballo para eles, os Reis Magos quixeron facer unha parada en Ames para estar con todos os rapaces e rapazas e para escoitar as súas peticións, que xa recibiron mediante correo postal. Os Reis Magos repartiron entre os nenos e nenas de Ames caramelos e ilusión un ano máis.