- Tematica
Ames acolle ao longo de todo o verán un total de dez campus e campamentos deportivos que organizan clubs e entidades deportivas locais, coa colaboración do Concello, a través do departamento de Deportes, e da Deputación da Coruña. Centos de menores de Ames, con idades comprendidas entre os 4 e 17 anos, están a gozar das diferentes propostas deportivas que se ofertan: fútbol, fútbol sala, volei, patinaxe, atletismo ou baloncesto. A través destes campamentos, ademais de fomentar a práctica do deporte e continuar a seguir hábitos saudables entre os máis mozos durante a época estival, búscase ofrecer amplas opcións de conciliación para as familias amesás.
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Deportes, e a Deputación da Coruña, colaboran un ano máis na organización de diversos campus e campamentos deportivos que se desenvolven ao longo dos meses de verán no concello. Deste xeito, búscase promover a práctica do deporte entre os máis mozos, xunto con ofrecer amplas opcións de conciliación entre as familias amesás na época estival. Neste 2025, ofértanse en total dez campus dunha ampla variedade de disciplinas deportivas: fútbol, fútbol sala, baloncesto, patinaxe, atletismo e volei.
A concelleira de Deportes e Promoción da Saúde, Susana Señorís, destacou que “o Concello de Ames é un referente en conciliación e no fomento da práctica deportiva. Este tipo de campamentos son un xeito de conxugar ambas cousas cunha gran variedade de opcións para a rapazada”.
Campamentos de fútbol
Como vén sendo habitual, o fútbol é o deporte estrela dos campamentos de verán e, este ano, non é unha excepción. Tanto o Milladoiro S.D. coma o Bertamiráns F.C. organizan unha edición máis os seus respectivos campus deportivos. Ámbolos dous clubs teñen un número total de inscricións preto dos 100 nenos e nenas participantes.
O campus Fútbol Milladoiro S.D. abrangue do 30 de xuño ata o 1 de agosto, en horario de 9.00 a 14.00 horas, no Campo de Fútbol Municipal do Milladoiro e está dirixido para a rapazada nada entre o 2008 e o 2021.
Álex Giménez, un dos monitores do campus do Milladoiro S.D., explica que “intentamos variar as actividades para que non sexa algo monótono nin rutinario. Cada monitor temos grupos arredor de 20 nenos e nenas divididos por idades pero sempre hai nalgún momento da xornada que se mesturan os máis pequenos cos grandes”.
A maioría de participantes do campamento proceden das bases do club, mais hai unha gran porcentaxe de nenos e nenas externos, “é moi habitual que ao final tamén participen amigos ou compañeiros de clase dos rapaces que xa están no club ao longo de todo o ano”, apunta Giménez.
En canto ao XIII Campus de Fútbol Bertamiráns F.C., que tivo lugar no campo de fútbol municipal de Bertamiráns, dividiuse en dúas quendas, a primeira comprendendo do 30 de xuño ao 4 de xullo, e a segunda do 7 ao 11 de xullo, ambas en horario de 8.00 a 15.30 horas. O campus estivo dirixido aos nenos e nenas nados entre o 2011 e o 2020, comprendendo así todas as categorías de fútbol 8.
O coordinador de fútbol 8 do Bertamiráns F.C., Joel Lodeiro Corzón, destacou que “este ano houbo un aumento significativo do número de inscricións, motivado seguramente á baixada do prezo do campus con respecto a anos anteriores para adaptarnos un pouco aos petos das familias, polo que establecemos as dúas semanas por 120 euros, unha cantidade bastante razoable”.
Así mesmo, Lodeiro explica que a metade de rapaces e rapazas inscritos no campus adoitan pertencer ao club, mais é habitual que haxa nenos e nenas procedentes doutros clubs de fútbol da contorna ou que o resto de ano practican outros deportes. “Hai nenos que veñen con dúbidas a coñecer as nosas infraestruturas, ou outros que teñen a visión de que somos un club moi serio, polo número de xogadores do club e categorías que temos, e, unha vez aquí, danse de conta de que isto é coma o seu club, que somos un club humilde e da xente”, aclara.
En canto á actividade habitual do campamento, é moi variada, sempre tendo como eixo central o fútbol pero traballando diferentes aspectos do deporte, “somos un equipo composto por xente moi nova e queremos traballar cos nenos doutra forma, trasmitíndolles uns valores máis aló do fútbol. Os tempos van cambiando e hai que adaptarse ao que demandan os pequenos hoxe en día”, subliñou Joel Lodeiro.
Deste xeito, o campamento organízase en exercicios cunha duración de 20 minutos cada un, para cambiar rápido as dinámicas e impedir que a rapazada caia na monotonía. Ademais, contan cunha ronda de merenda con servizo de catering, un momento de piscina e, ao final da xornada, organizan unha competición final entre os diferentes grupos do campus.
Por último, o R.C. Deportivo da Coruña organizou a semana pasada o seu campus de verán, que abrangue do 14 ao 18 de xullo e está dirixido para nenos e nenas entre 6 e 14 anos. Estase a desenvolver no campo de fútbol municipal de Bertamiráns, de 10:00 a 14:00 horas.
Campamento de fútbol sala
Por outra banda, o fútbol sala volve a ter un oco no verán amesán coa X edición do Campus de Verán Santi Valladares, que organizan o F.C. Meigas e EFS Trasgos, no pavillón polideportivo de Bertamiráns. O campamento, dirixido para os menores de entre 4 e 16 anos, comprendeu do 23 de xuño ao 11 de xullo, cun horario amplo facilitando a conciliación laboral: das 9.00 ás 14.30 horas ou ata as 16.30 horas con servizo de comedor incluído.
Nesta décima edición, hai arredor de 20 inscritos entre as 3 quendas do campus, un número semellante a edicións anteriores, o que apunta a unha consolidación do campamento. Ademais, dende a organización, apuntan a un aumento da regularidade nas inscricións, é dicir, que o número de participantes que se inscriben máis dunha semana, aumentou considerablemente.
Nesta liña, Paola Vignolo, presidenta do Meigas F.C., destacou que “o campus é unha oportunidade para dar a coñecer un deporte moi minoritario que está á sombra do fútbol campo. Hai nenos que, en anos anteriores, fixeron un campus de fútbol campo e, unha vez aquí, sorpréndense moito do divertido e diferente que é o fútbol sala”.
No campus trabállanse a diario diferentes habilidades e técnicas desta disciplina, sempre a través de xogos. Por exemplo, nunha xornada xogaron a unha especie de parchís sobre a pista para mellorar a conducción co balón. “Tratamos de incluír actividades e dinámicas que directamente non son fútbol sala pero que están moi ligadas e son necesarias para o deporte, orientadas sobre todo á diversión e á convivencia”, aclara Vignolo. Cara ó final da xornada, os nenos e nenas tamén poden gozar do seu merecido momento de piscina.
Ademais da rutina habitual dentro do pavillón, no campus realízanse diferentes saídas lúdicas, xunto con charlas e visitas ao pavillón de recoñecidas figuras do fútbol sala, coma de Santi Valladares ou Tomás de Dios, enriquecendo así a experiencia dos participantes.
Campamentos de patinaxe
Ademais, os dous clubs de patinaxe de Ames manteñen un ano máis a súa oferta para os meses de verán. O campamento de verán de patinaxe do CPA Omega, dirixido a rapazada de entre 4 e 16 anos, deu comezo o pasado 1 de xullo, e continuará ata o día 31, con horario de 8:30 a 14:30 horas. Está tendo lugar no IES do Milladoiro e no pavillón municipal da localidade. Neste campus están a participar arredor de 50 nenos e nenas, un número semellante a edicións anteriores e, a maior parte, son xente que forma parte do club.
A adestradora do club, Anahí Sotelo, explicou que “temos unha primeira media hora de acollida na que as nenas e nenos fan xogos e algunha coreografía para activarse. A partir das 9 comezamos coas rotacións, mentres un grupo está patinando outro está realizando preparación física. Na metade da mañá facemos unha pausa de ocio e merenda. Como contamos cun espazo de ludoteca, tamén poden facer xogos ou manualidades e descansar un pouco. Unha vez que finalizan todas as actividades físicas, rematamos a xornada na piscina”.
O campamento divídese por grupos de idade e segundo as necesidades. Por exemplo, as máis maiores do club, indica Anahí, apúntanse ao campus para continuar adestrando e manter o seu nivel de competición para estar en óptimas condicións de cara o comezo da temporada en setembro, mentres que para as máis pequenas prepárase algo moito máis lúdico no que comezan coas dotes máis básicas do patinaxe.
Pola súa banda, o Campamento de verán Patinaxe Sarela comezou a súa primeira quenda a semana pasada, que abrangue en total do 15 ao 31 de xullo e, a segunda, do 1 ao 14 de agosto, ámbalas dúas en horario de 8:30 a 14:30 horas. Estase a desenvolver no polideportivo de Bertamiráns, para nenos e nenas de entre 5 e 17 anos.
Campamento de volei
A novidade deste ano é a reincorporación do Campus de Volei Internacional, organizado polo C.V. Bruxas. Deu comezo a semana do 7 ao 11 de xullo, nesas datas con horario de 12.30 ata as 15.30 horas, e a pasada semana do 14 ao 18 de xullo, en horario de 9.30 a 12.30 horas. Esta proposta desenvolveuse no Pavillón Polideportivo Municipal de Bertamiráns e estivo dirixida para persoas de entre 19 a 11 anos. Nesta edición contaron con preto de 30 participantes, sendo a maioría persoas do club.
Ossie Antonetti, director técnico do C.V Bruxas, indicou que este campus “compleméntase co proxecto JBD, polo que algúns participantes do campamento veñen de países do continente americano, de feito este ano temos a dous rapaces de Puerto Rico, facendo así un intercambio cultural e deportivo”.
A organización do campamento varía en función da dispoñibilidade e horarios do pavillón. Deste xeito, as primeiras partes das mañás estiveron enfocadas no fundamento e na repetición, facendo un traballo máis técnico, mentres que no resto das xornadas, realizaron partidos e xogos con puntuacións.
Pola súa banda, Antonetti valorou de xeito positivo o desenvolvemento do campamento, e destacou que “o volei é un deporte que necesita este tipo de iniciativas, con roce e convivencia entre a xente que participa, e tamén a exposición e darse a coñecer entre persoas alleas ao club”.
Campamentos de atletismo
O atletismo tamén ten o seu oco, e ademais por partida dobre, dentro do verán amesán. Por un lado, o Campus de atletismo Ames Atletismo ofrece unha opción para os nenos e nenas nados entre o 2010 e o 2020. A primeira das quendas comprendeu os derradeiros días do mes de xuño, do 23 ao 30, mentres que e a segunda, desenvolverase na primeira semana do mes de setembro, do 1 ao 6. O horario é de 8:30 a 14:30 horas e terá lugar no centro de lanzamentos de Biduído. Para obter máis información e realizar as inscricións para a segunda quenda pódese escribir ao enderezo amesatletismo@gmail.com ou consultar a páxina web do club.
Por outra banda, o Club de Atletismo Millaraio volve a estar presente un ano máis coa X edición do seu campus, que se celebra tamén en dúas quendas na área deportiva do Milladoiro. A primeira delas desenvolveuse do 23, ao 30 de xuño, mentres que a segunda terá lugar do 1 ao 5 de setembro. O horario é de 8:30 a 14:30 horas. Esta opción está dirixida á rapazada nada entre os anos 2012 e 2018. Pódese obter máis información ou realizar a inscrición da segunda quenda a través da páxina web do Atletismo Millaraio.
Campamento de baloncesto
Por outra banda, o VIII Campus de verán Básquet Ames, dirixido para os mozos e mozas nados entre 2008 e 2019, rematou a súa segunda e derradeira quenda no pasado 4 de xullo. O campus desenvolveuse en dúas quendas, a primeira comprendeu a semana do 23 ao 27 de xuño, mentres que a segunda foi do 30 de xuño ao 4 de xullo, ámbalas dúas en horario de 10:00 a 17:00 horas, na área deportiva do Milladoiro.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Ames es un hervidero de campamentos deportivos"
Diario de Santiago: "Centos de nenos e nenas están a participar nos campamentos dos clubs e entidades deportivas de Ames"

























