Pestanas principais

Celebráronse as xornadas “Galicia e axendas urbanas: o papel das cidades intermedias” no Pazo da Peregrina

Martes, 20 de decembro de 2022

O Pazo da Peregrina de Bertamiráns acolleu esta mañá as xornadas sobre desenvolvemento urbano “Galicia e axendas urbanas: o papel das cidades intermedias”, nas que diversos alcaldes de distintas vilas e cidades galegas abordaron os retos de futuro aos que se enfrontan, así como os distintas medidas incluídas nas súas axendas urbanas que deben adoptar para facer fronte aos desafíos económicos e sociais.

Ames, como municipio que se atopa nunha situación de crecemento socioeconómico e demográfico, foi o lugar escollido para a celebración das xornadas “Galicia e axendas urbanas: o papel das cidades intermedias”. O evento tivo como obxectivo debater os distintos retos aos que se enfrontan na vindeira década as cidades galegas, e especialmente as que teñen entre 20 e 50.000 habitantes, así como da importancia da Axenda urbana 2030 como ferramenta fundamental para acompañar os procesos de reflexión estratéxica dos distintos territorios.

No caso amesán, a elaboración desa Axenda urbana consta de catro fases: diagnose, definición do marco estratéxico, elaboración do plan de acción (PEAL) e seguimento e avaliación. Polo momento, xa se está a desenvolver un primeiro documento de diagnose e análise estratéxica para poder posteriormente reflexionar en torno ás problemáticas e retos do concello de maneira informada.

Programación das xornadas
O acto de apertura do evento, que deu comezo ás 9:30 horas, correu a cargo do delegado da Xunta de Galicia na Coruña, Gonzalo Trenor, e do alcalde de Ames, Blas García. Trenor destacou que “son moitas as competencias que teñen os concellos, e, polo tanto, as responsabilidades e as respostas ás que teñen que facer fronte”, e acentuou a necesidade de planificar correctamente os pasos a seguir de cara a construír unhas cidades sostibles no futuro, así como a importancia de que as administracións públicas traballen da man para lograr satisfacer as peticións da veciñanza das distintas vilas e cidades galegas. “Os gobernos nacionais e rexionais desempeñamos un papel importante, debemos actuar agora e configurar o futuro das cidades e crear oportunidades para todas as persoas que viven nelas”, concluíu.

Na mesma liña, o alcalde de Ames, Blas García, fixo fincapé en que “é moi importante a implicación tanto da Xunta de Galicia, como das Deputacións e o Goberno” para poder elaborar unha Axenda que dea resposta ás inquedanzas da cidadanía. Así mesmo, explicou que “en Ames estamos na fase de diagnose, ao longo deste ano imos iniciar o traballo, un traballo que ademais será compartido por todos os grupos políticos que hai na Corporación municipal, porque vai marcar o Ames do futuro, polo que é importante que todo o mundo participe”. Por outra banda, aproveitou a súa intervención para agradecer a iniciativa “Galicia e axendas urbanas: o papel das cidades intermedias” e a presenza dos distintos alcaldes e alcaldesas.

De seguido, a partir das 10:15 horas, a rexedora da Coruña, Inés Rey, e o seu homólogo en Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, participaron na mesa de debate “Diálogo urbano. Cara onde van as cidades? Retos e oportunidades das cidades galegas desde a perspectiva da axenda metropolitana e urbana”.

Tras as intervencións de Bugallo e Rey, María Cadaval, membro do Foro Económico de Galicia, ofreceu unha reflexión sobre as axendas urbanas como instrumento de planificación estratéxica, dende unha perspectiva técnica. Xa ás 12:00 horas, celebrouse unha mesa redonda na que interviñeron o alcalde da Estrada, José López Campos, e a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas.

Acto de clausura
O encargado de pechar o evento, ás 13:30 horas, foi o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, que estivo acompañado polo alcalde de Ames, Blas García. Miñones destacou a importancia de apoiar aos Concellos na planificación da Axenda urbana, sinalando que “sen axudas, fondos e investimento é moi complicado que os proxectos se leven a cabo”, polo que resulta fundamental a aposta das administración públicas polas axendas urbanas.

Ademais, o delegado do Goberno engadiu que “desde os gobernos, ben sexa desde Europa, o Goberno central ou os Gobernos autonómicos, pódense establecer medidas, pero estas son implantadas polos veciños e veciñas, e, polo tanto, son os Concellos os que deben coñecer perfectamente as súas necesidades”, algo que, apuntou, se consegue a través de xornadas como a celebrada esta mañá. Doutra banda, eloxiou os pasos dados polos Concellos participantes no evento. “Todos están xa traballando e planificando unha estratexia de cara aos vindeiros anos, o que é todo un acerto e non e doado”, finalizou.

Polo seu lado, para concluír, o rexedor amesán, Blas García, explicou que “todos os Concellos temos as mesmas problemáticas, e esta foi unha xornada, en definitiva, moi positiva e sobre todo, moi boa non só para os Concellos, senón para contar co apoio do resto das administracións para desenvolver todos estes proxectos”.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Movilidad, demografía y vivienda, los deberes que marca la Agenda 2030"

O acto de clausura estivo protagonizado polo alcalde de Ames e o delegado do Goberno en Galicia

Multimedia

  • Celebráronse as xornadas “Galicia e axendas urbanas: o papel das cidades intermedias” no Pazo da Peregrina
  • Celebráronse as xornadas “Galicia e axendas urbanas: o papel das cidades intermedias” no Pazo da Peregrina
  • Celebráronse as xornadas “Galicia e axendas urbanas: o papel das cidades intermedias” no Pazo da Peregrina
  • Celebráronse as xornadas “Galicia e axendas urbanas: o papel das cidades intermedias” no Pazo da Peregrina
  • Celebráronse as xornadas “Galicia e axendas urbanas: o papel das cidades intermedias” no Pazo da Peregrina
  • Celebráronse as xornadas “Galicia e axendas urbanas: o papel das cidades intermedias” no Pazo da Peregrina
  • Celebráronse as xornadas “Galicia e axendas urbanas: o papel das cidades intermedias” no Pazo da Peregrina
  • Celebráronse as xornadas “Galicia e axendas urbanas: o papel das cidades intermedias” no Pazo da Peregrina