[23-04-2018] A praza do Concello de Ames acolleu este sábado, 21 de abril, as celebracións conmemorativas polo Día do Libro. Ao longo da tarde, desenvolveuse a iniciativa “Literatura na Praza” que incluíu propostas para todas as idades: obradoiros, espectáculos poéticos e musicais e exposición, venda e presentación de libros, entre eles o dos textos gañadores do XIV Certame Literario Concello de Ames. O alcalde de Ames, José Miñones, e o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, participaron nas presentacións.



O Concello de Ames celebrou este sábado o acto central da Semana do Libro: a iniciativa “Literatura na Praza”. As actividades comezaron ás 17:00 horas coa realización do obradoiro infantil “Reciclando Letras” e coa presentación do libro antolóxico dos textos gañadores do XIV Certame Literario Concello de Ames. A presentación desta obra, que reúne os tres traballos finalistas de cada unha das categorías do certame, tanto en prosa como en verso, contou coa participación do concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil.
A programación continuou ás 18:00 horas co contacontos teatralizado Chocolate, a cargo da compañía Teatro Calavera. A esta hora, o público asistente tamén puido gozar do espectáculo poético musical Cría fama e bótate a correr de Aldaolado, así como da presentación do libro de Úrsula Heinze, Pon un psiquiatra na túa vida e xa verás. Ademais de David Santomil, tamén estivo acompañando á autora o alcalde de Ames, José Miñones.
Ambos estiveron tamén na presentación do libro Os fíos de infantil, de Ángeles e Isabel Abelleira Barcala, ás 19:00 horas. Simultaneamente, tamén tivo lugar o espectáculo musical Pakolas, contos, cores e Rock `n` Roll, no que se crearon en directo debuxos con cores que acompañaron ás cancións.
Así mesmo, ao longo da tarde, as librarías Follas Novas e Alita Cómics, xunto co taller de xogos e xoguetes Brazolinda, realizaron unha exposición de libros e xogos de mesa. Ademais, as bibliotecas municipais montaron para a ocasión un “Recuncho dos libros”, no que se puido ver unha mostra bibliográfica do Día do Libro, das letras, da banda deseñada... A iniciativa “Literatura na Praza” puxo o punto e final a unha semana de actividades, que englobou obradoiros e contacontos para as máis pequenas e pequenos, e a presentación do libro O Valo de Carlos Labraña.

Contido relacionado

Compostela 24 Horas: "Bertamiráns celebra el Día del Libro con iniciativas en la calle"




