Pestanas principais

A Cé Orquestra Pantasma está hoxe no Milladoiro e mañá en Bertamiráns coas súas “Brincadeiras Miudiñas”

Mércores, 05 de setembro de 2018

[05-09-2018] O inquedo xogueteiro de “Brincadeiras Miudiñas” estará no Milladoiro hoxe, 5 de setembro, e mañá, xoves, en Bertamiráns. Así, no marco do programa Apego, Cé Orquestra Pantasma busca, a través de catro xornadas, guiar aos nenos e nenas amesás no mundo dos xogos e os xoguetes a través de rimas, música, baile e manualidades. As actividades, dirixidas a un público infantil a partir de 2 anos, realízanse das 18.00 ás 20.00 horas.


A través do programa Apego, Cé Orquestra Pantasma celebra en Ames as xornadas “Brincadeiras Miudiñas”, catro sesións distintas nas que se busca recuperar a rúa e a natureza como espazo para o xogo, o lecer e a felicidade dos máis cativos e cativas, ao tempo que nos axuda a descubrir outras formas de brincar sen necesidade de mercar sofisticados aparellos.

Así, despois das dúas xornadas levadas a cabo o pasado 28 e 29 de agosto, as “Brincadeiras Miudiñas” despídense de Ames coas súas dúas últimas sesións, que terán lugar hoxe, mércores 5 de setembro, no parque da Travesía do Porto do Milladoiro, ao carón da piscina descuberta municipal, e mañá 6 de setembro, nos xardíns do Pazo da Peregrina. Ámbalas dúas actividades realízanse en horario de 18.00 a 20.00 horas.

Outro xeito de xogar, cantar, bailar e soñar
Desta volta, o Cé Orquestra Pantasma está a dar un paso máis aló na súa personaxe para meterse na pel dun feirante xogueteiro que entre rimas, música e baile, vainos engaiolando cara un mundo marabilloso: o mundo dos xogos e xoguetes miudiños. No Xogueteiro combínase un primeiro momento de música e baile seguido dun espazo de xogo con brinquedos tradicionais. Pequenos e maiores comparten así momentos máxicos, bailando e xogando con brinquedos clásicos como zancos, aros, a ferradura, tiracoios ou construcións.

Tamén hai un espazo para brincar con material natural non estruturado e descubrir as múltiples posibilidades que nos ofrece a natureza (pólas, liscos de madeira, pedras, cana…) e todo o beneficio que o seu emprego supón para os cativos e cativas. Asemade, nos obradoiros de creación libre de brinquedos, os e as participantes poden realizar bonecos, vehículos… a partir de diferentes elementos naturais, como poliñas, bugallos, follas, noces, abelás, miga de pan, vimbios, carozos, cunchas, cana do país, follaco de espiga, teas, cortiza, cartón, fíos de lá, piñas, pataquiñas, castañas, casqueiro de piñeiro ou sobreira.

As xornadas pretenden fomentar a creatividade nos nenos e nenas apostando por unha crianza respectuosa e sostible e promovendo a socialización en lingua galega e o achegamento á natureza e ao xogo libre. Para iso, buscase recuperar a rúa e a natureza como espazos para xogar, coñeceremos novas formas de xogo e xoguetes tradicionais e mesmo haberá pequenos obradoiros para construír brinquedos con materiais que podemos atopar na natureza (paos, pedras, follas…) ou que temos nas nosas casas. Todo isto mesturado coa música e cos contos do Cé Orquestra Pantasma.


Contido relacionado


Compostela 24 horas: "A Cé Orquestra Pantasma está hoxe en Bertamiráns coas súas "Brincadeiras Miudiñas""