[14-04-2016] Esta semana tivo lugar en Santiago de Compostela a presentación da IV Edición do programa "Cultura no Camiño", á que acudiu o concelleiro de Educación e Cultura de Ames, David Santomil. Esta iniciativa busca espallar e descentralizar a programación cultural estival, á vez que dinamiza culturalmente os concellos polos que discorre algunha ruta xacobea. O Concello de Ames e a Xunta de Galicia cofinancian os concertos de Sés e De Vacas, o espectáculo de novo circo de Pistacatro e o espectáculo teatral "Fillas Bravas" de Chévere, que se desenvolverán entre os meses de xuño e xullo.
O programa "Cultura no Camiño" leva cada verán espectáculos de novo circo, música, maxia, danza ou teatro a concellos polos que discorre algunha das rutas xacobeas. Dous deses camiños cruzan o territorio amesán: o Portugués e a ruta que une Santiago de Compostela con Fisterra e Muxía. Este ano peregrinos e peregrinas que cheguen ao municipio en verán, o mes con maior número de camiñantes, poderán unirse á veciñanza no goce de eventos culturais "organizados en espazos públicos", como recalca o concelleiro de Educación e Cultura David Santomil. "Escollemos as prazas do Milladoiro e de Bertamiráns, ademais do Pazo da Peregrina, como lugares nos que localizar estes espectáculos".
O festival de circo da produtora Pistacatro será o primeiro en achegarse a Ames a través deste programa. O primeiro dos seus espectáculos, "Pablo Trasno", terá lugar o domingo 5 de xuño, o segundo, "Entremans", o domingo 12 de xuño, "O autoestopista Intergaláctico" aterrará en Ames o domingo 10 de xullo, o espectáculo "Vueltas de rosca" da compañía Totum Revolutum o domingo 11 de setembro e, o domingo 18, rematará o festival de mostras circenses con "Manualidades". Todas as mostras e espectáculos de novo circo terán lugar ás 13:00 horas en distintas prazas de Bertamiráns ou do Milladoiro.
De Vacas é un dos grupos musicais que actúan en Ames nesta edición de "Cultura no Camiño", o domingo 19 de xuño tocarán na praza Manuel Murguía do Milladoiro, ás 13:00 horas. O día 3 de xullo o grupo de teatro Chévere actuará na praza da Maia de Bertamiráns co seu espectáculo "Fillas Bravas", ás 13:00 horas. Sés, a outra actuación musical incluída na programación, ofrecerá un concerto o venres 8 de xullo, ás 22:00 horas, no Pazo da Peregrina. "Cremos que o feito de que estes eventos teñan lugar nos meses de verán repercutirá ademais positivamente na actividade hostaleira e comercial", destacou David Santomil. "Invitamos á toda a veciñanza a animarse e achegarse ás prazas nestes días de actividade cultural", engadiu.
Este ano o programa "Cultura no Camiño" achega un total de 149 actuacións de teatro, danza, maxia, música e novo circo a 99 concellos de toda Galicia. Unha forma de descentralizar a programación cultural nos meses de verán e de contribuír á dinamización cultural das localidades polas que pasan as rutas xacobeas.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "A cultura mestúrase en Ames cos pasos das rutas xacobeas"




