[28-01-2013] O Concello de Ames colabora coa campaña de fomento do comercio posta en marcha, por primeira vez de xeito conxunto, polas catro asociacións de comerciantes do municipio. Baixo o lema Merca en Ames e sairás gañando, os catro colectivos (a Asociación de Empresarios, Comerciantes e Profesionais do Milladoiro (AEMI), a Asociación de Pequenos Comerciantes Viorneira, Palmira Bulebar, a Asociación de Comerciantes de Bertamiráns e a Asociación de Empresarios Novo Milladoiro) deseñaron unha nova campaña que busca fomentar as compras no municipio e dinamizar o pequeno comercio.
Esta campaña, que inclúe o sorteo dun coche e de numerosos electrodomésticos a través dos boletos de participación que se poden conseguir nos establecementos asociados, levase a cabo con cargo ás subvencións para o comercio do Concello de Ames correspondentes ao ano 2012. O concelleiro de Promoción Económica e Comercio, Bernardo Moar, subliña a importancia desta colaboración e traballo conxunto entre as asociacións na actual situación económica. Nesta mesma liña, Bernardo Moar fai fincapé na “importancia de colaborar e facer un esforzo entre todos para conseguir a dinamización do comercio amiense”.
Nova edición da Feira do Comercio
Ademais de poñer en marcha esta campaña de dinamización, os comerciantes amienses e o Concello están traballando na organización dunha nova edición da Feira do Comercio Val da Maía. A intención do Concello é que en 2013, previsiblemente no mes de marzo, esta feira se celebre no Milladoiro, cumprindo así co obxectivo de alternar os dous núcleos urbanos de Ames como lugares de celebración dos eventos de especial relevancia no calendario do municipio. Esta será a novena edición da Feira do Comercio Val da Maía, que o ano pasado celebrouse en Bertamiráns de forma conxunta pola Asociación de Comerciantes de Bertamiráns (ACB) e a Asociación de Empresarios, Comerciantes e Profesionais do Milladoiro (AEMI).
Contido relacionado

El Correo Gallego: "Campaña de promoción do comercio en Ames"




