[11-05-2015] O Concello de Ames fixo público este luns o nome das obras premiadas na décimo segunda edición do Certame Literario de Narrativa e Poesía. O concurso reuniu un total de 105 traballos procedentes de toda Galicia, aínda que tamén chegaron obras de Valencia, Valladolid, Ponferrada, Albacete ou Lleida. Na modalidade de poesía houbo 46 traballos mentres que en narrativa presentáronse 59.
De todos os participantes foron catro os veciños amesáns galardoados este ano. Así Manuel Otero Boquete fíxose co primeiro premio no apartado de poesía para adultos polo texto Paradigma (de xénese xenérica) e Daniel Vilaverde Framil acadou o terceiro posto nesta mesma categoría pola obra Replicante. Por outro lado, Salvador Pena Castro levou o segundo premio de narrativa para rapaces de entre 14 e 17 anos e Xosé Anxo Corral Suárez gañou na categoría para adultos no apartado de narrativa coa obra O desvarío do almirante.
O xurado, que estivo composto polos escritores Mariña Pérez Rei e Alfredo Conde Cid e a crítica literaria Mar Fernández Vázquez, coincidiu en destacar a “alta calidade” dos traballos. Algúns dos aspectos que valoraron á hora de elixir aos premiados foi o manexo do vocabulario, a escolla de temáticas orixinais, a verosimilitude das historias e o cumprimento da actual normativa da lingua galega.
Este Certame Literario é xa un concurso de referencia dentro do mundo da poesía e a narrativa, que permite dar a coñecer as novas voces da literatura galega. Os tres primeiros clasificados nas distintas categorías recibirán premios en metálico que oscilan entre os 120 e os 260 euros. A entrega terá lugar este mércores, ás 20:00 horas na Casa da Cultura do Milladoiro, nun acto no que o Concello de Ames conmemora o Día das Letras Galegas. As obras gañadoras publicaranse nun libro colectivo que recompila os mellores traballos de cada edición.
Obras premiadas no VII Certame artístico-literario “Intercentros”
Hai uns días tamén se fallaron os premios da sétima edición do certame artístico-literario “Intercentros” dirixido ao alumnado amesá. O concurso consta de dúas categorías. Na primeira compiten nenos de 3º e 4º de primaria e o primeiro premio foi para o texto O soño de Breixo: unha lingua viva, de Sara Morán Alonso (4º do CEIP Agro do Muíño); seguido de A lingua, o noso tesouro, de Natalia Paz Peláez (4º do CEIP A Maía) e Sofía e Raúl, de Julia del Río Bravo (3º do CEIP Agro do Muíño).
Na segunda categoría competiron escolares de 5º e 6º de primaria e as obras gañadoras foron Que facer coas palabras, de Iria Pérez Álvarez (6º do CEIP A Maía); Malena e a bruxa, de Eva Montoto Pintos e Candela Martínez Fuentes (5º do CEIP Agro do Muíño) e en terceiro lugar As palabras viaxeiras, de Raúl Jiménez Cunqueiro (6º do CEIP A Maía).




