[27-08-2011] Os equipos alevín e benxamín do Bertamiráns F.C. participaron durante o mes de agosto na VI edición do Torneo Internacional de Fútbol 7 de Peñas do F.C. Barcelona a través da peña galega “La Bella Otero” de Valga. O equipo benxamín conseguiu subir ao podio ao alcanzar o segundo posto da clasificación, converténdose así en subcampión do torneo. Porén, os alevíns non lograron, tras un meritorio campionato, superar as semifinais como consecuencia dun resultado de dous goles en contra. Os rapaces do Bertamiráns, moi contentos, non só puideron participar no torneo deixando a Galicia en bo lugar senón que tamén asistiron á festa de presentación do F.C. Barcelona, viron adestrar ao Nápoles e coñeceron ao gran xogador da NBA, LeBron James, que lles regalou unha camiseta e unha toalla.
Os xogadores dos equipos inferiores do Bertamiráns, alevín e benxamín, participaron entre o 20 e o 22 de agosto no torneo de peñas organizado polo F.C. Barcelona na súa cidade deportiva. O campionato contou cun total de 35 equipos dos cales vinte se atopaban en categoría alevín e quince en benxamín. A peña culé de Valga coñecida como "La Bella Otero" decidiu participar neste campionato e, para iso, quixeron contar coa agrupación do Bertamiráns, club que lles prestou dous equipos. Un total de 24 rapaces, na súa totalidade do equipo amiense, partiron rumbo a Barcelona coa finalidade de facer o que máis lles gusta, xogar ao fútbol e coñecer aos seus maiores ídolos.
Os alevíns do FB Bella Otero, nome que recibiu o equipo galego, disputaron uns intensos encontros onde deixaron ver a súa gran categoría cun espectáculo futbolístico que permitiu ver o gran futuro destes xogadores. Porén, non puideron, a pesar do seu mérito, superar as semifinais nas que perderon por dous goles de diferenza. Os benxamíns coa súa técnica e coa forza dos seus xogadores conseguiron chegar a final alcanzando o segundo posto e converténdose así nos orgullosos subcampións tras un disputado encontro que gañou o FB Malena por 3-2.
Xornada con moito fútbol e entretemento
Con moita alegría, os rapaces do FB Bella Otero, gozaron da práctica da actividade que máis lles gusta, o fútbol. Porén, non só participaron no campionato de fútbol 7 das peñas barcelonistas senón que contaron con moitos máis actos de entretemento que provocaron que os nenos desexasen permanecer máis días na cidade catalana. Por unha banda, asistiron a festa de presentación do F.C. Barcelona e foron testemuñas da cea inaugural da XXXIV Encuentro Mundial de Peñas na que se atopaban moi ilusionados.
Durante a súa estadía na cidade deportiva, puideron facer o Tour Museo no que coñeceron a historia do club e viron os diversos trofeos do equipo culé. Por outra banda, contaron con entradas para o trofeo Joan Gamper no que puideron, con moitos nervios, ver de preto a algúns dos seus ídolos como Xavi e Messi. Destacar, tamén, a visita a un dos adestramentos do Nápoles, rival do F.C. Barcelona no trofeo Joan Gamper.
Porén, a gran sorpresa foi atopar ao gran xogador da NBA, LeBron James, nas instalacións deportivas do F.C. Barcelona. Tras a eliminación do equipo alevín, estes conseguiron estar coa estrela do baloncesto que lles regalou unha camiseta e unha toalla facendo a ledicia dos cativos.
Esta iniciativa estivo organizada pola peña galega de Valga "La Bella Otero". Ángel Muñíz, integrante da peña e coordinador desta iniciativa, manifesta o seu orgullo ante o xogo realizado polos rapaces que puideron gozar "como enanos" e no que, tamén, deixaron "ben alto o pavillón de Galicia".




