Pestanas principais

A Casa do Concello e as oficinas de Servizos Sociais do Milladoiro tínguense de violeta para apoiar á folga feminista do 8M

Sábado, 23 de febreiro de 2019

[23-02-2019] O movemento feminista chama a todas as persoas sensibilizadas coas reivindicacións do movemento a saír ás rúas o venres 8 de marzo, co obxectivo de facer visibles os traballos, as demandas e os dereitos das mulleres para facer da igualdade unha realidade. Co gallo desta reivindicación, o Concello de Ames mostra o seu apoio ao 8M coa colocación dunha serie de vinilos na entrada da Casa do Concello e nas Oficinas xerais do Milladoiro.


As entradas da Casa do Concello e das Oficinas xerais do Milladoiro tínguense de morado como mostra de apoio do goberno municipal á folga feminista convocada para o 8 de marzo. Baixo o lema #NinUnPasoAtras, utilizado polas plataformas feministas ao longo deste ano como contrapunto a posicións que perpetúen a desigualdade. Asemade, nos vinilos tamén se fai referencia á sororidade, ou o que é o mesmo, a relación de solidariedade entre as mulleres, en especial na loita polo empoderamento.

A propósito desta iniciativa, Luísa Feijóo, concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, salienta a importancia de apoiar esta causa nun momento como o actual, “no que a discriminación, a desigualdade e o patriarcado seguen estando presentes na nosa sociedade. Agora máis que nunca temos que saír as rúas e plantarlle cara, temos que seguir con paso firme esixindo que as liberdades e a igualdade pola que xeracións das nosas mulleres, as nosas avoas, bisavoas, as nosas nais, loitaron sexa unha realidade. Reclamar para que non se recorten os nosos dereitos, por un emprego de calidade onde non exista fenda salarial, por unha sociedade na que as mulleres vivamos libres de violencia, unha sociedade paritaria e participativa na que as mulleres ocupemos o sitio que nos corresponde por dereito e por capacidade”.

Neste senso, Luísa afirma que “animamos a todas as mulleres a que secunden as mobilizacións convocadas e a que participen dos diferentes actos, manifestacións... como unha medida de concienciación e reivindicación ante todas as desigualdades que nos afectan polo feito de selo. Polos dereitos das mulleres sempre dando pasos cara diante, nin un paso atrás”.

No Concello de Ames a folga feminista do 8M do pasado ano tivo un gran seguimento. Se atendemos ao ámbito educativo municipal, composto fundamentalmente por mulleres (mestras, educadoras infantís, persoal de cociña e de servizos xerais), o seguimento da folga entre as 12:00 e as 14:00 horas foi do 95% das traballadoras das escolas infantís municipais e do 100% das traballadoras da Rede municipal de comedores escolares, unha vez garantidos os servizos mínimos. No programa de madrugadores Bos días Cole o servizo funcionou cos servizos mínimos do 20% e sen incidencias.

Asemade, o 8 de marzo polo mañá, de 12:00 a 14:00 horas, realizouse unha concentración diante da Casa do Concello con motivo da folga feminista do 8M. Moitos veciños e veciñas, traballadores do Concello, membros dos grupos políticos con representación na corporación e integrantes da plataforma feminista galega de Ames, participaron en dita concentración enchendo a praza do Concello. As concelleiras da corporación municipal deron lectura á declaración 8M institucional do Concello de Ames con motivo do Día Internacional das Mulleres.