Pestanas principais

A Casa do Concello de Ames tínguese de amarelo polo Día Mundial da Endometriose

Luns, 14 de marzo de 2022

O Concello de Ames súmase ás conmemoracións polo Día Mundial da Endometriose, e en colaboración coa asociación querENDO iluminará de amarelo durante a tarde-noite deste luns 14 de marzo a fachada da súa casa consistorial. Estímase que unhas 60.000 persoas padecen endometriose en Galicia, unha enfermidade crónica e inflamatoria de causa descoñecida influída polo ciclo menstrual, e que pode provocar sangrado, trastornos intestinais, infertilidade e fortes dores.

Para esta iniciativa, o Concello de Ames colabora con querENDO, unha asociación sen ánimo de lucro galega xurdida en 2015 que persegue contribuír á axuda física, psicolóxica e educativa das persoas afectadas pola endometriose e das súas familias. O obxectivo é dar a coñecer a doenza, axudando ao diagnóstico precoz e evitando o deterioro da calidade de vida.

A endometriose é unha enfermidade crónica, inflamatoria e estróxeno dependente que se define como a implantación e crecemento de tecido endometrial, a capa que recubre o útero, fóra deste. As localizacións máis frecuentes son os ovarios e o peritoneo, aínda que poden atoparse lesións ata noutras 37 partes do corpo, como o intestino, a vexiga, o estómago, o pulmón, o cerebro ou o nariz.

Estas úlceras sangran periodicamente cos cambios das hormonas do ovario e provocan dor que, en moitos casos, acaba por converterse en incapacitante e afecta a diferentes ámbitos da vida. Na actualidade, estímase que 60.000 persoas en Galicia e dous millóns en España padecen endometriose. O diagnóstico adoita tardar de media de oito a dez anos, dende que se acode por primeira vez ao médico en relación ás dores.

Novas relacionadas

AMSGO!: "Ames suma a súa voz para concienciar sobre a endometriose"

A Casa do Concello de Ames tínguese de amarelo polo Día Mundial da Endometriose