Pestanas principais

A Casa do Concello de Ames e a Casa da Cultura do Milladoiro tínguense de violeta para conmemorar o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller

Martes, 24 de novembro de 2015

[24-11-2015] Ames súmase á lista de Concellos que apoian as reivindicacións de igualdade da Plataforma Feminista Galega nunha data especial, o 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller. O alcalde de Ames, José Miñones, destacou que ''a realidade municipal é o entorno no que viven as mulleres vítimas de violencia doméstica, de xénero, e o ámbito local é no que máis se sente o impacto negativo do maltrato e da violencia de xénero. Dende o Concello, como primeira liña de atención cidadá facemos o primeiro esforzo de atención ás vítimas, coordinando todos os efectivos municipais cos recursos doutras administracións para apoiar activamente ás persoas que sofren este problema”. Premendo no enlace que está á túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás acceder ao manifesto completo do Concello de Ames.

O Concello de Ames, a través da concellaría de Servizos Sociais, súmase aos actos organizados pola Plataforma Feminista Galega, para conmemorar o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller. Ademais, vanse a levar a cabo unha serie de iniciativas propias como son iluminar de cor violeta a Casa do Concello e a Casa da Cultura do Milladoiro.

Deste xeito, este mércores 25 de novembro, a partir das 18:00 horas, a veciñanza de Bertamiráns e do Milladoiro poderá comprobar como dous dos edificios do municipio mudan a color violeta, un símbolo co que o Concello de Ames quere mostrar o seu apoio ás reivindicacións feministas do día 25 de novembro.

Tamén se repartirán lazos violetas nas principais dependencias do Concello. Estes actos reforzan un compromiso, o da loita contra a violencia de xénero, que se leva tempo poñendo en práctica organizando, por exemplo, as V Xornadas de Igualdade e Prevención da Violencia de Xénero.

Apoio ás reivindicacións feministas
Esta identificación de Ames coas reivindicacións feministas non se limita a xornadas puntuais, senón que é un apartado importante da folla de ruta do goberno municipal. Así o resalta o manifesto que foi lido polo alcalde de Ames, José Miñones, na clausura das V Xornadas para a Prevención da Violencia de Xénero, que se celebraron a semana pasada na Casa da Cultura de Bertamiráns.

A educación como base fundamental para a prevención e a erradicación da violencia de xénero é a premisa do Concello de Ames neste eido. O goberno municipal manifestou a finais do mes de outubro a súa futura adhesión e apoio ''as manifestacións dos movementos feministas'', así como a organización de campañas de sensibilización para a cidadanía.

Os centros educativos, de primaria e secundaria, serán un dos principais obxectivos de actuación do Concello. O rexedor amesán destacou a necesidade de educar aos adolescentes para que estes eviten reproducir estereotipos patriarcais. José Miñones destaca que ''as relacións sociais actualmente establécense a través das redes sociais'', polo que se debe intentar previr que estas plataformas se convertan en ''medios de posible violencia''.