Pestanas principais

A Casa do Concello acolle este venres unha charla informativa para aprender a aforrar na factura da luz

Mércores, 14 de decembro de 2016

[14-12-2016] O salón de plenos da Casa do Concello acolle este venres, 16 de decembro, ás 18:45 horas, unha charla informativa sobre como aforrar no recibo eléctrico. Esta actividade enmárcase dentro da campaña Dálle luz a túa factura, que está desenvolvendo a Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego de Consumo e do Instituto Enerxético de Galicia. Nesta charla daranse as claves para entender mellor a factura da electricidade que se consume, e achegaranse unha serie de pautas para aforrar ata un 75% do que se paga en dito recibo.

Un dos principais gastos dentro da economía doméstica é o destinado ao pago da factura eléctrica. Consciente da importancia que a factura eléctrica ten para o conxunto das persoas consumidoras e usuarias, a Escola Galega de Consumo (EGC) conta co programa Dálle luz á túa factura. A través desta charla informativa trátase de achegarlle aos veciños e veciñas os coñecementos básicos necesarios para comprender a factura eléctrica, para adoptar medidas de aforro no gasto eléctrico e para realizar unha reclamación nos distintos supostos que se poidan presentar en relación á contratación dos servizos prestados polas compañías eléctricas.

Estas charlas, que teñen unha duración aproximada dunha hora, son impartidas por técnicos e expertos do Instituto Enerxético de Galicia (Inega). Os temas dos que se falarán son os seguintes: mercado regulado/mercado libre; comercializadoras de referencia; conceptos básicos: potencia eléctrica, ICP, CUPS, etc; tipos de tarifas; tipos de contadores; e medidas de aforro. Ditos contidos impartiranse a través dunha explicación oral, apoiada cunha presentación audiovisual e empregando un discurso aberto, de xeito que se facilite a participación da veciñanza.

Ademais de asistir a esta actividade, dende a Xunta e Galicia recoméndanlle á cidadanía acceder, nas páxinas web do Instituto Galego de Consumo e do Instituto Enerxético de Galicia, a unha nova aplicación na que metendo os datos de consumo poderán dispor de varias recomendacións para aforra na factura da luz. Ademais, pódese obter máis información ou resolver dúbidas chamando ao número de teléfono 900 907 723. Outra opción é acceder á páxina de Facebook Dálle luz a túa factura.