A Sala de Usos Múltiples da Casa de Cultura do Milladoiro acolle hoxe, ás 19:00 horas, unha reunión informativa sobre “Vacacións en paz”, un programa solidario promovido pola Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS) a través do cal nenos e nenas do Sahara pasan o verán en Galicia con familias de acollida. Na charla participarán a concelleira de Benestar Social de Ames, Luísa Feijóo, a presidenta de SOGAPS, Maite Isla, e as delegadas comarcais Esther Ibarra e Ana González.
Tanto Maite como Esther e Ana pertencen a familias acolledoras. Na charla de esta tarde darán a coñecer a súa experiencia de moitos anos convivindo con nenos e nenas saharauís nos meses de verán e mantendo despois unha relación estreira con eles e as súas familias o resto do ano. Falarase ademais das condicións do programa e do xeito e os procedementos para levalo a cabo.
Tamén se informará sobre o apoio que o Concello leva prestando ao programa “Vacacións en paz” desde o ano 2003. Durante todo este período, agás no ano 2020 no que o programa houbo de adiarse por mor da pandemia, foron máis de 100 os rapaces rapazas saharauís que pasaron o verán con familias de Ames.
O concello apoia a estas familias de acollida ofrecendo de xeito gratuíto os programas de conciliación que se poñen en marcha no verán e facilitando o acceso, tamén de balde, ás piscinas e a todas as actividades estivais que organiza a institución municipal. Tamén se lle fan revisións médicas de balde aos nenos e nenas e sempre, cando están a piques de regresar ao Sahara, fáiselles unha recepción na Casa do Concello na que se lle entregan varios agasallos. Ademais, ao longo do ano, o concello colabora con SOGAPS organizando diversas actividades como ceas, mercadiños ou andainas solidarias encamiñadas a promover o programa e a captar familias de acollida.
A concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo di que “Oxalá non existise este programa xa que significaría o cumprimento da responsabilidade histórica, legal e moral que temos co Sahara Occidental, significaría que por fin o Sahara é libre”. Feijóo engade que: Vacacións en paz é unha oportunidade non só para botar a man a rapaces e rapazas que están nunha dificilísima situación nos campamentos de refuxiados do Sahara e propiciarlles un verán distinto e uns coidados especiais, senón que tamén é unha oportunidade para que todos e todas, e especialmente as familias de acollida, coñezan de primeira man realidades moi distintas as nosas e que nos poden facer relativizar moitos dos problemas que temos en occidente”.
Pola súa banda, Esther Ibarra, delegada de SOGAPS en Ames e comarca, anima as familias da contorna a coñecer e a implicarse no programa: “Hai moitos nenos e moitas nenas que están desexando poder vir a Galicia con “Vacacións en paz” e coñecer e gozar dun verán fora do deserto”.
Á charla desta tarde, que se desenvolverá na Sala de Usos Múltiples da Casa de Cultura do Milladoiro, ás 19:00 horas, están convidadas todas as familias interesadas de Ames, Camariñas. Vimianzo, Muxía, Cee, Fisterra, Corcubión, Dumbría, Zas, Santa Comba, Tordia, Val do Dubra, Trazo, A Baña, Negreira, Noia, Lousame, Porto do Son, Boiro, Padrón Rois, Brión, Ames, Teo, Vedra, Boqueixón, Touro e O Pino.






